23.2.09

Centenario do Futurismo (2)

Considero de interese para os bachareis que vos enfrontades este ano ás vangardas na literatura este artigo de Jacques de Saint-Victor, publicado en Le Figaro.

Saliento aqueles anacos que considero máis aproveitables para o cometido enriba sinalado e deixo ligado o artigo completo:

Hai cen anos, o 20 de febreiro de 1909, o poeta italiano Marinetti publicabaen Le Figaro O manifesto do futurismo. Un texto que ten marcado profundamente a historia cultural do século XX.
O manifesto do futurismo, do poeta italiano Filippo Tommaso Marinetti, publicado en Francia o 20 de febreiro de 1909, nas columnas de Le Figaro, anuncia, ás veces para o mellor e ás veces para o peor, todas as vangardas do século XX, con ese culto á modernidade, ó dinamismo e á velocidade, ó home novo e á cidade, á tecnoloxía e á violencia, e mesmo á guerra, o seu rexeitamento do pasado, das tradicións, da natureza, etc.
¿Por que (...) Le Figaro, á vista das provocadoras teses defendidas por Marinetti (destruír museos e escolas, combater todas as formas de moralismo, cantar as masas, etc.) acepta a publicación? (...) Aínda que Marinetti, habilidoso manipulador (será un modelo para publicistas, comunicadores e outros organizadores de eventos), tíñase proposta enguedellar a filla de Mohammed al-Rashi Pascià, o principal accionista de Le Figaro. Pero esta non é a única explicación. O xornal optara dende había uns anos por un certo elitismo literario e cultural , o que lle permitiu tocar ambientes que doutro xeito non estarían interesados. A operación foi comercialmente útil porque estas relacións foron influentes en París. Aqueles que querían imitalos compraban o xornal.
Así, Le Figaro publicara o Manifesto de simbolismo, de Jean Moréas, 18 de setembro de 1886, que se opón á certeza científica da literatura naturalista . (...) Deste xeito, cando Marinetti, coñecido principalmente en París polos seus poemas en francés, decidiu falar de si mesmo a través da publicación dun manifesto, é Le Figaro o medio que elixe.
Pero o impacto do texto vólvese contra Marinetti. (...) Marinetti marcha a Italia, onde estrutura o movemento futurista con numerosos artistas, pintores e escultores, como Boccioni, pero tamén arquitectos (Sant'Elia), músicos (Russolo e o seu concepto de ruído), cociñeiros coas súas receitas delirantes de polo Fiat ou zume de petróleo. Moitas veces actuando de maneira provocadora (abonda pensar nos orixinais seráns futuristas), o movemento publica máis de 400 manifestos ou panfletos, en todas as áreas (...).

Marinetti enzoufarase na política. Apoiará a fanfurriñada de Mussolini, quedando moi marxinado polo espírito de provocación (...). A importancia do futurismo nas artes, na publicidade, vídeo, etc., non precisa demostración. Pero este movemento cultural mundial, que atinxe tamén a Rusia (Maiakovski), está detrás de moitas outras cousas, mesmo do Manifesto Cyborg actual (basta
con ler a novela de Marinetti, Mafarka o futurista, que evoca o home-máquina). Tocante ó feminismo, unha nova descendente de Lamartine, Valentine de Saint Point, escribiu dende 1912 dous manifestos a prol da muller (Manifesto da muller futurista, Manifesto futurista da luxuria) que evocan temas que se cren novos na pluma de Simone de Beauvoir. Os futuristas tamén serán seguidores do que chamarán, moito antes ca Onfray, "a antifilosofía". ¿El non dicía Musset que "cómpre ser parvo para pensar que se ten inventado algo".

Ningún comentario: