28.1.09

Silverio Cerradelo. Os paxaros tamén migran ao sur

1. Trátase duns cadernos nos que o protagonista, Jordi, narra a enxurrada de sentimentos que purran por saírlle da alma ó saber da morte de Eva, unha rapaza alemá da que estivera fondamente namorado.
A presentación editorial fala dunha historia de amor transgresora. Para o protagonista é unha historia de amor natural, baseada no respecto e aceptación mutuos: "Eu estou tan seguro do que nos une... e con tanta forza..." (p. 133); "E sempre, sempre, sempre, con ela, segue parecéndome que floto" (p. 134). A Jordi non lle preocupa especialmente que se prostitúa, pero si que o aqueloutra o motivo: dispor de diñeiro para heroína. Séntese un fracasado por non ser quen de tirar a moza do vezo da droga. Neste período de educación sentimental, Jordi aprendeu a aceptar a xente polo que é, non polo oficio ou a fortuna que teña.
O sentimento amoroso móstrase ante o lector obsesivo e envolto nunha forte carga erótica.
O estilo, xa dixemos, é o dun caderno de notas. O lapis segue o pensamento nervioso do narrador, que escribe como anarquicamente, para si:

"Pois foi coñecer a Eva e... a miña percepción do tempo cambiou.
Non, isto non vai ben. Cóutome.
E logo, por que teño que me coutar para dicir as cousas para min?
Porque se me fai estraño, supoño.
Porque outras veces que me teño lembrado de partes, de días desta historia, sentín angustia.
Anda, chega xa de medos, Jordi. Para adiante!"
(p. 16).
2. O proceso creativo da novela e o seu contido véñennos descritos na introdución do autor (pp. 9-10): un proceso longo de contar que se foi refacendo con notas nadas en tres idiomas e unha historia de amor vivida nunha grande cidade e que non segue as canles socialmente establecidas.

3. Quen se queira debruzar sobre esta novela non debe deixar de ler a crítica de Montse Pena: "Sensibilidade narrativa". Salienta o aspecto transgresor da historia, o ámbito onde se desenvolve (grande cidade que non facilita a comunicación entre a xente), o erotismo elegante... No aspecto técnico destaca o aproveitamento narrativo da primeira persoa e a construción dos personaxes.
Na recensión que lemos en El color de les sabates, faise fincapé na marxinalidade dos protagonistas, no seu comportamento libre de tabús; tamén nos trazos de oralidade visibles na novela e no mergullo nos ambientes sociais marxinais da cidade de Barcelona. Indiscutible e interesante a identificación do paxaro do título co personaxe de Eva.
Na entrevista que publica La Voz de Galicia por mor da concesión do Premio Terra de Melide, o autor sinala as marcas que o espazo deixa nas persoas. Neste caso, a Barcelona onde se ambienta a novela, cidade na que o autor vive dende novo; a terra de nacemento...
Acepta o autor unha lectura da novela como denuncia do consumismo: "As sociedades urbanas nas que vivimos non deixan espazo para a felicidade. Non hai tempo para a comunicación. Imponse o materialismo e o diñeiro convértese en deus. Nese contexto, palabras como tenrura
desaparecen do vocabulario".
Dos aspectos sinalados xa falara o autor na presentación da obra.
Unha sinopse da novela e mais unha breve biografía do autor atopámola en Vieiros. No mesmo medio ofrécenos unha recensión máis ampla.
Damos con referencias á novela e mais cunha interesante impresión persoal en O Trasno Viaxeiro.
O espazo da TVG "Libro Aberto" dedicoulle un programa.

Silverio Cerradelo, Os paxaros tamén migran ao sur, Xerais, Vigo 2007. Premio Terra de Melide 2006.
Imaxe de readgalicia.com

Ningún comentario: