As palabras de Vázquez Pintor son un agasallo: "Que o noso idioma nos sobreviva por moitos anos. E que a literatura sirva para facer feliz ao autor e a quen o lea". Do simbolismo do acto quedamos cunha ensinanza que nunca está de máis: amar e respectar a lingua, a todas as linguas.
O acto literario celebrado na illa de San Simón déixanos tres nomes e tres títulos ós que haberá que lles botar unha ollada : O xardín das pedras flotantes (Manuel Lourenzo González), Xenaro e o misterio da mochila verde (Mar Guerra Cid) e A cabeza de Medusa (Marilar Aleixandre). No Galicia Hoxe e mais na Voz de Galicia veñen unhas brevísimas referencias ós argumentos das novelas e á súa intrahistoria.
Deste periódico recollemos tamén un par de recensións publicadas no suplemento Culturas (7-6-08). Ramón Nicolás agóiralle unha boa acollida a Festina lente, novela de Marcos S. Calveiro. Salienta o crítico o labor de documentación e o esforzo estilístico desta novela ambientada na Galicia do século XVII.
A outra recensión á que nos referimos titúlaa Ana Abelenda "Viaxe á estación das ausencias"; ocúpase nela do último libro de poemas de Ánxeles Penas, Amor deshabitado: "A poeta desanda o camiño da memoria para recuperar a unha adolescente que lía a Neruda e presentía xa o amor como o reino das ausencias". A obra tivo unha longa xestación; segundo se nos di no pé de foto que acompaña á recensión, comezou a escribila nos anos setenta.
(Fotos de Galicia Hoxe.)
1 comentario:
Desde hai unha quincena son fiel seguidor deste interesantísimo blog. A entrada que recolles hoxe está reflectida en parte no meu último post. Eu andei por alí para honrar e acompañar ao veciño e amigo Xosé Vázque Pintor.
Un saúdo cordial e ánimo nesta tarefa do blog.
Manuel Busto
Publicar un comentario