25.5.08

A honra recobrada das linguas minoritarias

Lemos na prensa francesa novas entusiastas sobre a cuestión das linguas "minoritarias". Recollemos aquí a que publica o diario Libération: L'honneur retrouvé des langues régionales.
A noticia aparece ilustrada coa bandeira bretona (foto Reuters), branca e negra. Branca pola ilusión de seguiren vivos como país, cultura e lingua; negra polas perspectivas de futuro. Poderían chamarse tranquilamente "gallegos".
O xornal citado fai referencia ó blog Oui au breton, e colle del datos de usuarios que se parecen moito ós que dá un periódico de Vigo na sección "Registro Civil": "Cada hora, desaparece un falante bretón". O 25 de maio de 2008 calculan que hai unhas 205.160 persoas que aínda falan bretón; en 1983 calculaban 600.000. En Galicia non se botan estas contas, porque non son correctas politicamente; pero estou seguro que alguén ten datos semellantes. ¿Que gañamos con aforrar o repeluxe que produce o coñecemento de datos como: "On estimait en 2001 qu’il restait 270 000 locuteurs bretons qui continuaient de décliner au rythme effrayant de 10 000 personnes par an. Car 64 % des bretonnants ont plus de 60 ans et seulement 4 % moins de 40 ans" (Calculábase que en 2001 quedaban 270 000 falantes bretóns que seguían a minguar ó ritmo abraiante de 10 000 persoas por ano. Pois o 64% dos falantes teñen máis de 60 anos e soamente o 4% menos de corenta anos). Estes datos, ¿non vos teñen unha cara coñecida? Prodúcenme tal arrepío que non sei se pasarllos a Galicia bilingüe. Se cadra tamén hai unha France bilingue.
Así e todo, a nova do recoñecemento das linguas "régionales" pola Constitución francesa deitoulles unha migalla de ánimo no corazón dos defensores desas linguas, segundo nos conta Libération.
Non son poucas as linguas "régionales". Ó redor de 75 linguas (breton, alsacien, catalan, corse, occitan, créole, béarnais, picard, flamand, basque...) segundo os deputados que non queren que "esmoreza este patrimonio". No xornal ligado cítanse datos do Institut d'Estudis Occitans (IEO) e mais do Partit occitan.
Todos coinciden en sinalar o dato como esperanzador. O cambio de estatus destas linguas "régionales" podería producirse se Francia modifica a Constitución. (Aquí, nas Españas, falouse do asunto por unha cuestión de sexo.) Así e todo, a situación non lles está como para botar as campás a repenicar. O goberno francés non ratificou a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias (1992), e a actual ministro de cultura considera que tal documento é "contrario ós nosos principios", porque non se pode obrigar a ninguén a falar unha lingua rexional, nomeadamente na esfera pública.
Aínda que, se cadra, non entendín ben isto último.
Na edición do 23 de maio de 2008, LibéRennes colle esta mesma noticia con menos datos, pero tamén salienta a satisfacción e a sopresa da decisión da Asemblea. Asemade, recoñece que se trata dunha medida necesaria, pero insuficiente. Os comentarios provocados pola publicación resúltannos familiares:todos son queixas. A saber:
a) Os que advirten que cómpre andar con ollo coa imposición das linguas rexionais. O feito de recoñecelas legalmente xa é unha imposición. "A ministro" de cultura opina deste xeito: o recoñecemento legal implica o imprescritible deber de usalas. Mesmo en público.
b) Os que espernexan porque para eles as linguas "régionales" son barreiras que impiden a construción dunha patria común. Patria común significa lingua única, común tamén. Os que defenden esas linguas "régionales" son un fato de racistas. Construír unha patria común esixe unha lingua única e universal.
c) Os maximalistas: as linguas "régionales" non son linguas.
d) Os neoculturalistas: o mundo cambia; a lingua tamén. Cada xeración abandona unha parte da cultura dos seus pais para crear outra nova e propia. (Noutra lingua, naturalmente.)
e) Os arreminados que nin queren oír falar daquilo que non lles entra polo ollo dereito. ¿Recoñecer máis dunha lingua na Republique? ¡Érache boa! Acéndeselles o fanatismo xacobino e soltan polos ollos e as babas toda canta carraxe non lles colle no coiro contra eses noxentos rilladores da patria, balcanizadores de Europa, separatistas do grelo, sementadores da discordia entre os homes, babelizadores do entendemento... ¡Mi madriña!
f) Os que cren que as linguas, en realidade, non supoñen atranco ningún. Que sempre é mellor coñecer tres ca dúas.
g) Os linguoagnósticos: que está ben o do recoñecemento legal das linguas minoradas; que xa vai sendo hora de que algúns deixemos de falar linguas sen papeis... Pero que a legalidade tampouco non o é todo. (En realidade, en quen non acreditan e nos seus políticos. Pero iso só pasa en Francia.)
h) Os colonialistas de gatopanzaarriba: a ver se con tantas mingachadas de recoñecementos legais imos impoñer o galego, perdón, o bretón alí onde non se fala.
En fin, que na veciña República hai balbordo de linguas. Mais é posible que non nos sirva de consolo.

7 comentarios:

Anónimo dixo...

Vde. esquece un caso verídico alén de delirante acontecido en Lobeira, Baixa Limia.
Un veciño, fanático do PP:
"Hai que falar o castellano, que é o noso".
(SIC)

Anónimo dixo...

Agradecido polo dato, Kyra Prosokiva. ¡Manda truco que se poidan facer semellantes afirmacións con total impunidade!
Se cadra fállale o programa informático, coma no Rexistro de Vilagarcía: levan máis dun mes sen rexistrar mortes nin nacementos, e hoxe lemos na Voz que é por culpa dun programa que non se deixa traducir ó galego. ¡Válgame Dios!

Anónimo dixo...

Sr. da Freixa: Non vai acreditar, mais cando chamei a atención do autor do 'xenial' comentario, non había maneira de lle facer crer que estaba a falar galego...

Saúdos.-

Anónimo dixo...

Debe ser home de pouca fe o fulano. Mais eu acredito, Kyra de Karakalpakstan, acredito. Por se lle serve de consolo, algo semellante tamén lle pasa ó meu párroco cos seus fregueses. O pobre do abade desabafa nas homilías e rífalle ós parroquianos que lle protestan porque fai todo en galego. A misa do patrón pásanlla sen problemas, cos enterros son máis mirados, pero coas vodas... Primeiro, pregan; despois, espernexan e, por último, houbo quen foi casar a outra parroquia.
Pero o que máis encabuxa ó bo do padre W. é que en toda esta retesía só se usa a lingua do país. Encabúxao de vez. De non ser cura, blasfemaría.

Anónimo dixo...

Estou a ver: Usté, á miña filla, cásaa en castellano, carallo, ou a ver que va ser isto...

Anónimo dixo...

Algo así ou aínda máis forte.
Nunca estiven presente nas negociacións, pero escóitolle as queixas polos altofalantes.
Levo case que quince anos vivindo nesta parroquia e aínda hoxe me estraño de ver a bandeira galega pendurada do campanario e oír a banda de música arremeter c' Os pinos, medio tapada pola foguetería, cando a consagración.
As propostas da Consellería de Cultura non lle resultan novidosas a este párroco. Lévalle uns aniños da vantaxe.

Anónimo dixo...

Don Rdf: Eu alucinei este ano, en Lobeira, na Romaría do Viso, no momento da consagración, na misa. A banda atacou co himno español, e o cura (que non é precisamente un exemplo de galeguismo) mandou parar inmediatamente...