Sabemos pola prensa da iniciativa de profesores e pais de alumnos da plataforma Tan gallego como el gallego para poñer contención ó decreto de normalización lingüística que, parece ser, se vai aplicar no ensino dende o vindeiro curso.
Non se poñen de acordo os xornais aquí citados sobre o número de sinaturas: nove mil para un, doce mil para outro. Tanto ten unha parroquia arriba ou abaixo.
Sostén o colectivo que “no estamos contra la cultura gallega, ni contra el gallego, sólo queremos decidir el idioma en el que se eduque a nuestros hijos” (cito seguindo La Voz de Galicia, edición local de Vigo). O colectivo analiza o Plan de normalización e son conscientes de que:
a) “Plantea” problemas de aprendizaxe ós nenos “castellanoparlantes”;
b) están seguros da perda de calidade que supón “dictar” unha clase nunha lingua que non é a súa habitual;
c) Están preocupados os membros do colectivo porque se chegue a un ensino totalmente en galego se se dá nun contexto comunicativo “habitual en gallego”.
d) A petición que dirixen á Xunta ampárase nos principios fundamentais da persoa.
Como pai de fillos lexítimos quero sumarme ó preocupado sentir deste colectivo. Para os meus fillos lexítimos quero sempre o mellor. En consecuencia, manifesto o meu profundo aqueloutramento porque lle ensinen o galego ou en galego ós meus herdeiros. ¿Quen pode desexar para os seus fillos lexítimos que lle aprendan nun idioma de pailáns, cochasardiñas e destripaterróns? ¿Quen pode desexar para os seus fillos que nolos convertan nun fato de negrosgallegosdeesosqueandaporahí? No lo permita Dios. E se o permite, xa nos encargaremos de traelo ó rego.
Entendo, comparto e súmome ó devezo dos pais.
Mais tocante ó profesores do colectivo xa é fariña doutra saqueta. Confeso que me deixan algo desnortado. É certo que o colectivo docente –no que para a miña desgraza me inclúo– resultou algo desastriño no que portén ó ensino das linguas. Tamén noutros aspectos, pero mellor calamos non vaia ser que nos suban o soldo e nos dean máis vacacións.
Coido que un profesor debería ser capaz de ver as dúas caras desta moeda do conflito lingüístico. E debería pensar dúas veces antes de se embarcar en aventuras que poñen en dúbida a decencia intelectual e a responsabilidade social coa terra na que pacen. A cuestión do bilingüismo é vella e conta con documentación inabarcable, pero algunha dela debería consultarse para abrir horizontes máis alá do noso propio nariz. En galego tamén hai documentación ó respecto e está ben considerada mesmo fóra de España. Poden empezar a consulta pola páxina do Consello da Cultura Galega (contra la que no están).
Os meus colegas de gremio tamén deberían botar un chisquiño a vista atrás. Tan só uns anos atrás. Tantos como os que podemos ter aqueles que xa somos maduros pero aínda non podres. Refírome a esa etapa da historia de España que todo mundo quere enterrar xunto co seu ilustre protagonista. Pois veña, compañeiros de gremio, revisade esa etapa e contádeme como estaba a cuestión da calidade do ensino, das clases “dictadas”, dos dereitos da persoa e da libre elección de lingua para educar os nosos fillos lexítimos. E xa de postos, consultade os datos sobre o fracaso escolar nesa época. O ICE ten algún estudo feito. E explicádeme por que se aprecia a meirande taxa de fracaso nos monolingües... en galego. Algúns con esta condición logramos colgar título universitario na parede da casa (e non estou a falar dunha filoloxía nin galega nin portuguesa), e mesmo vivir del, sen acusar especial trauma por estudar nunha lingua que “no es la suya habitual”. Porque se cadra o gran problema non é a lingua.
Ou si, como diría algún ilustre político. Sempre me teño preguntado a razón dun feito que vexo acotío: alguén que bote dez anos en París, Roma, Nova York, Bos Aires... dá aprendido o idioma que neses sitios se fala; mesmo hai xente que ata chega a perder o seu acento. Pois coñezo profesores que levan vinte e tantos anos vivindo en Vigo e non van máis alá do “hasta lueguiño”. ¿Podemos tirar disto algunha conclusión?
Se seguimos revisando os datos estatísticos, ¿que porcentaxe achamos de xordos, mudos e analfabetos en galego? Se son certos os datos de certo instituto de estatística, moitos: dan ben para encher un ou dous autobuses; aínda que disto xa hai ben tempo, porque estou pensando en datos de 2003. A estas alturas de século dan para cargar o AVE.
¿E os estranxeiros? Asegún. O senegalés que caeu por aquí non ten máis problemas co galego ca co castelán. Co galego aínda menos, porque estará exento. As nosas autoridades educativas consideran que o galego é un idioma imposible para senegaleses. Menos mal que hai profesores de francés; porque por estes lares considérase que o idioma materno dun nativo do Senegal é o francés, como está mandado. O que non sei que pintan son eses estranxeiros que veñen instalados xa no galego.
¿Problemas para aprender en galego? Home, si. Hai todos os que os indíxenas queiramos inventar. Refírome a indíxenas de intelixencia normal. Nestes tempos, coa universalización do ensino e o aparcamento dos rapaces nas escolas ata que empezan a ter entradas, decatámonos que hai máis xente da que se pensaba que presenta dificultades para aprender. Pero a estes tanto lles ten o idioma: presentan a mesma capacidade de resposta se lle falas en galego ca en guaraní.
Así e todo, comparto e súmome ó aqueloutramento dos pais. Son consciente de que un ensino en galego é provocador. Cómpre darlle unha resposta contundente. Se é preciso, tomaremos medidas de forza: queimaremos contedores, cortaremos o tráfico... e o gremio dos profesores debemos ir sostendo a pancarta. ¡Árdalle o eixo, carballeira!
Porque un ensino en galego, aínda que non máis sexa do 50 por cento, é un problema gordo. É o problema. Non hai outro. ¿Ou si?
Nos meus adentros rezo para que haxa doce ou nove mil rapaces que non teñan a neurona atravesada e sexan capaces de facer en galego, para empezar, e en calquera outro idioma, para seguir, o que os seus pais e profesores están demostrando que son incapaces de facer. Tamén vos pido, rapaces, que sexades indulxentes cos pais e cos profesores. Porque cando se nos retorce a intelixencia visceral podemos resultar algo parvos e ruíns.
Vivide, rapaces, e deixade vivir.
(Gustaríame asinar este espiche con “Tan príncipe de Gales como Carlos de Inglaterra.uk”. Nas orellas case dou o talle. Pero non estou á altura no diñeiro, no poder, no traxe de faldra nin na Camila. Non se pode ter todo, ¡madia leva! Por culpa do galego, seguro.)
1 comentario:
Publicar un comentario