31.3.18

Rolda pola república das letras-195. Marzo de 2018

Banquete de Conxo
[...] 162 aniversario do Banquete de Conxo. Daquela un grupo de estudantes en que figuraban nomes como o de Eduardo Pondal, Manuel Murguía ou Aurelio Aguirre, convidaron a unha comida popular a artesáns e obreiros de Compostela. O banquete é lembrado coa frase "Que non naceu para escravo o home", dito por Aurelio Aguirre nun do tres brindes pronunciados. Este acto polo seu carácter "interclasista" e progresista foi considerado "subversivo" polas autoridades da época (E. P., Galicia Confidencial, 02-03-2018).
Suso de Toro, Fóra de si
«Non tiña pensado volver a editar máis cousas, pero, a partir dun momento determinado, logo dunha pausa duns anos, a cabeza non para, e volvín de novo. Algunhas das ideas que ía depositando empezaron a xermolar dentro e empecei a escribir algunha cousa, e cando tiven tempo púxenme cunha obra dunha certa envergadura», explica o autor (Montse García, La Voz de Galicia, 03-03-2018).
Día Mundial da Poesía para Xohana Torres
A escritora e académica de número, falecida o pasado mes de setembro, será recordada o vindeiro 21 de marzo nun acto literario e musical [...] recitarán e comentarán anacos de obras Xohana Torres, desde versos de Do sulco -o seu primeiro poemario, publicado en 1957- e un fragmento da obra teatral Da outra banda do Iberr (gañadora do Premio Castelao en 1966) ata poemas de Estacións ao mar (Premio da crítica española en 1981) e Tempo de ría (1992) (El Correo Gallego, 03-03-2018). 
Uxío Novoneyra, nova edición d' Os Eidos
Este segundo volumen editado en la colección Biblioteca de Mesopotamia de Chan da Pólvora Editora es la edición más completa publicada hasta el momento sobre este título fundamental de la poesía gallega del siglo XX, al incluir, entre otros, Os Eidos/1, Os Eidos/2 y Caligramas, además de un diccionario novoneyriano, titulado 'As cores do ucedo', realizado por Emilio Araúxo (El Correo Gallego, 03-03-2018).
Manuel Darriba, Elefante
[...] o novo libro de Manuel Darriba, Elefante (Xerais). Unha nova mostra do seu personalísimo estilo. Único, quizais, na literatura galega (Montse Dopico, Praza Pública, 05-03-2018).
César Sierra, A leituga 
O texto A Leituga, como di o director, Víctor Duplá, afonda nos temas da dignidade humana, o dereito á vida e o dereito á morte, ao tempo que se fura nas relacións familiares, nos vínculos e as lealdades dentro das familias. A obra transita deste modo entre a comedia e o drama, polo que público observará entre o riso e a reflexión as repercusións dos coidados nas relacións entre pais e fillos, parellas e irmáns e de que xeito poden chegar as saltar as fráxiles costuras dos afectos familiares nunha  situación de reparto dos coidados (Moncho Mariño, Galicia Confidencial, 06-03-2018).
Euloxio Rodríguez Ruibal, Formigas, risas, flores e dinosauros
Ruibal [...] logrou nesta pequena obra composta por catro breves contos que, a través da imaxinación máis natural, tanto adultos coma nenos compartan visións da vida que non se poderían aceptar e comprender no mundo real, sempre acompañados pola garimosa e implicada man do autor (Giulia Verzzaro, El Correo Galllego, 11-03-2018).
Maurice  Sendak, O un era Xoán. Un libro para contar
Xógase coa gradación crecente e decrecente, coa secuenciación numérica que coincide cos momentos actanciais e coa introdución dos personaxes. Salienta a fixeza do escenario, un plano fixo frontal no que se representa sempre a Xoán ao que se van sumando detalles visuais, estratexia próxima ao rexistro cinematográfico (Sara Reis, El Correo Gallego, 11-03-2018).
Sonja Danowski, O gatiño nocturno
O protagonista consegue que o lector reflexione sobre a solidariedade e o altruísmo como principios básicos para a creación dun mundo mellor (Verónica Pousada, El Correo Gallego, 11-03-2018).
María Canosa, A cazadora de estrelas
A amazona e a súa besta destacan polo bo facer na caza de estrelas, permitida unicamente ás mulleres de cabelo louro, requisito indispensable para a realización dese oficio mais que, a diferenza dos homes, as imposibilita para ocupar postos directivos ou de representación na comunidade na que viven (Marta Neira, El Correo Gallego, 11-03-2018).
Ana Romaní, académica da RAG
[...] a institución académica destaca a Romaní como "unha voz de referencia do xornalismo cultural" polo seu traballo diario dende 1990 no Diario Cultural da Radio Galega, así como o seu papel no impulso da poesía galega contemporánea (Praza Pública, 18-03-2018).
Alberto Canal, O trapecista da malla de rombos 
O propósito do libro, «facer xustiza coa que foi a segunda Escola de Circo do mundo, despois da rusa e cun proxecto pedagóxico arredor das artes circenses de alcance universal». O resultado, un libro que debe lerse como «unha fábula sobre a ilusión e os soños» (Xesús Fraga, La Voz de Galicia, 19-03-2018).
Homenaxe a Ricardo Carvalho Calero 
Un recital a cargo das poetas Loreto de Castro e Lam Couce, a intervención dunha persoa en representación de Artábria e mais unha ofrenda floral será o primeiro estadio da xornada en lembranza do poeta, novelista, ensaísta e pai teórico do reintegracionismo (Sermos Galiza, 22-03-2018). 
  • Daniel Salgado, "A memoria de Scórpio trinta anos despois", Sermos Galiza, 19-03-2018: "
    Carvalho Calero publicou dúas novelas. A primeira, A xente da Barreira (1951), devolveu o galego á narrativa de longo alento despois da Guerra Civil. A segunda realizou un notábel esforzo para reconstruír a memoria da República e da resistencia antifascista a través de elaboradas técnicas literarias".
Manuel Anxo Rei Chao, Na sospeitosa luz da política 
[...]  analiza las actuaciones, estrategias y decisiones de las diferentes organizaciones políticas y de sus líderes así como de las instituciones de gobierno y de los cargos públicos, abordando además cuestiones relativas a la corrupción, la intolerancia, la violencia de género, asuntos internacionales y el denominado procés catalán y la crisis política que generó (Faro de Vigo, 22-03-2018).
Lionel Rexes, A raíña das velutinas 
[...] unha novela que reflexiona sobre a actitude maioritaria da sociedade galega cara á memoria da guerrilla e sobre as situacións que obrigan a certas persoas, en distintos tempos históricos, a “botarse ao monte” (Montse Dopico, Praza Pública, 23-03-2018). 
Lito Vila, Campus morte
A trama está centrada en Iago Miranda, profesor compostelán en Alemaña igual que o propio autor, Lito Vila. Iago Miranda recibe unha inquedante mensaxe dun amigo da infancia que indaga a morte dunha estudante Erasmus acontecida quince anos atrás. O protagonista volve a Santiago procurando resolver un misterio que o levará de volta á Compostela de finais dos noventa e principios do milenio, ao tempo das esmorgas no Campus, aos amores da mocidade mal solucionados e a mortes que semellan non ter relación entre si (El Correo Gallego, 25-03-2018).
Carlos Quiroga, As raízes de Pessoa na Galiza
[...] aclara los principales vínculos familiares y literarios con Galicia del canonizado escritor portugués. Incluye los de Alberto Caeiro y Álvaro de Campos, dos de sus más conocidos y celebrados heterónimos: autores de ficción a quienes dota de biografía y otros elementos característicos, además de obra propia, y que son uno de los principales motivos de su actual reconocimiento internacional (Joel Gómez, La Voz de Galicia, 25-03-2018).

Ningún comentario: