2.9.17

Rolda pola república das letras-188. Agosto de 2017

[...] "achega unha deconstrución do verso ao tempo que se ofrece unha hibridación de xéneros, no que a poesía se transmuta en narrativa, dramaturxia ou ensaio lírico". (R. C., Sermos Galiza, 01-08-2017).
A nosa xeración, a cabalo de cambios simultáneos, e mesmo precipitados, viviu coas portas abertas a todos os mundos que se abrían ante nós nunha perspectiva máis ampla, pero incerta e aínda moi cativa e limitada. Todo o que viamos fronte nosa, aí, a carón, era unha realidade mediocre e censurada, e buscabamos impetuosamente todo o que de novo se abría ante os ollos: o mundo fervía en calquera parte, en inglés, en alemán... (Xosé Manuel Pereiro, Sermos Galiza, 04-08-2017).
Activista en favor da democracia e a soberanía de Galiza desde a década dos 60 do pasado século é, desde a década dos 70, autor de diversos estudos e obras sobre Castelao,  o nacionalismo galego e Galeuzca (Sermos Galiza, 08-08-2017).
O profesor, poeta e falante de esperanto desde os 16 anos [Suso Moinhos] cumpre así coa promesa que el mesmo lle fixera a Xosé Neira Vilas, falecido hai case dous anos. Agora, a obra dedicada “a todos os nenos que falan galego” e con máis de trinta edicións na nosa lingua contará cunha versión máis e neste idioma internacional para engadir á morea de falas nas que foi publicada, desde o español, portugués, alemán, catalán, éuscaro, asturiano ou inglés (Miguel Pardo, Praza Pública, 15-08-2017).
[...] eu creo que hai un rexeitamento moi potente cara ao noso, e non se entende que a lingua é o principal trazo de identidade dun pobo. Non hai conciencia de país. Estamos militando na resistencia e oxalá algún día non esteamos na resistencia (entrevista de M. Obelleiro, Sermos Galiza, 16-08-2017).
[...] foi recoñecida como gañadora do XI Premio de Banda Deseñada Castelao da Deputación da Coruña. Fóra de Mapa (Deputación da Coruña, 2017) é unha novela gráfica ambientada na Venecia de finais do século XV, nunha Europa convulsa e en plena transformación. Nela abórdanse cuestións xeopolíticas como a escravitude, o comercio internacional e o reparto de poder. Tamén podemos apreciar sentimentos de desamor, de amizade e de avaricia. Todo iso está descrito ao redor duns cartógrafos, da súa profesión e da importancia que ten rexistrar o mundo coñecido e o que quedaba fóra do mapa, na Europa do século XV (M. Vidal Franco, El Correo Gallego, 27-08-2017).

Ningún comentario: