Imaxe: A cacería / Edicións Xerais |
1. Zairo, protagonista e narrador desta historia, está a vivir un momento fundamental na súa vida. Vai participar na primeira gran cacería. É un acto transcendental para calquera membro da tribo: recibe o agasallo dunha lanza e deixa de ser neno para ser considerado home; terá que demostrar que ten valor para arriscar a vida e intelixencia para saber conservala. A cacería tamén é unha actividade social: os máis fortes saen á procura da mantenza de toda a tribo. Por iso son recibidos con solemnidade cando regresan á aldea.
Pero desta vez o regreso dos cazadores só atopa morte e destrución, e consideran cativada a xente que non está entre os cadáveres. Non teñen nin idea de quen puido ser o inimigo nin Consello de Sabios que os poida dirixir en semellante transo. Cómpre enterrar os mortos e reaccionar axiña para evitar que a tribo desapareza.
Reorganízanse e inician a persecución dos atacantes seguindo máis a intuición que as pegadas que deixaran. Zairo está advertido por seu pai: aínda ten moito que aprender e debe pór especial coidado en gardarse do inimigo da casa.
Durante a persecución van cruzando territorios doutras tribos, coas que fan intercambios de mercadorías e ás que lle piden información e axuda. Na terra dos agricultores identifican o inimigo (as xentes das sombras) e Zairo coñece a Killari, que se converterá no amor da súa vida. A rapaza e uns cantos labregos incorpóranse voluntariamente á persecución das xentes das sombras. Para Zairo e para ela esta será a verdadeira cacería iniciática.
A proximidade do inimigo causa as primeiras baixas no grupo perseguidor e obriga a reorganizar a marcha. No primeiro combate, Zairo, atenazado polo medo, está a piques de ser abatido, pero Killari sálvalle a vida.
As disensións entre os membros do novo Consello forzan un cambio de xefe e de estratexia que non tardará en resultar prexudicial para os reféns en poder das sombras.
Nos momentos decisivos reciben a inesperada axuda duns estraños guerreiros mouros, que montan cabalos moi grandes e coñecen ben o inimigo común. Avísanos da súa estratexia e ofrécenlles un antídoto contra o veleno dos seus dardos.
A tribo de Zairo vence na cruenta batalla final. O rapaz rescata a súa irmá das gadoupas do inimigo, pero na situación caótica da loita non dá atopado a súa nai. Si descobre o menciñeiro atado a unha árbore para que o coman os bechos.
O camiño de retorno tampouco vai ser doado. Zairo debe encargarse do xefe que leva secuestrada a súa nai. Bota man de novas tácticas para provocar o desánimo entre os seguidores do tirano. Vencido o inimigo da casa, os cadáveres dos líderes serán enterrados nun lugar descoñecido para evitar a influencia que puidesen ter despois de mortos.
O matrimonio de Zairo e Killari suporá tamén a alianza dos seus pobos e o soño dun futuro en harmonía.
2. A cacería é unha novela de formación. O protagonista describe a organización social da tribo e o exercicio do poder. Participa activa e directamente na loita polo poder. Xa convertido en xefe, Zairo sabe que o uso arbitrario do poder leva á infelicidade; o poder non ten sentido se non se aplica a mellorar a vida do común.
Ademais de técnicas de guerra e o exercicio da responsabilidade, o protagonista vai aprendendo a xestionar os afectos e outras cousas miúdas da vida. Todo un conxunto de habilidades que comporta o proceso de pasar de meniño a home feito.
O autor estrutura o relato que nos conta este proceso en sete partes que forman un monllo de 31 capítulos de grande dinamismo narrativo.
3. Falan d’A cacería
- Eulalia Agrelo, “A cacería, de A. Cobas. A configuración dun heroe e a loita pola estirpe”, ELOS DE LECTURA, El Correo Gallego, 18-09-2016. http://www.elcorreogallego.es/tendencias/el-correo2/ecg/caceria-cobas/idEdicion-2016-09-18/idNoticia-1017746/. Ligazón no blog de Edicións Xerais: http://blog.xerais.gal/2016/unha-lectura-aconsellable-axil-e-vibrante-a-caceria-de-amadeo-cobas-critica-de-eulalia-agrelo/
- “A cacería, de Amadeo Cobas”, en Café Barbantia, 19-07-2016. http://cafebarbantia.barbantia.es/?p=5770.
Amadeo Cobas, A cacería. Vigo, Xerais, 2016. V Premio Internacional de Novela Curta “Cidade Centenaria de Ribeira”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario