29.3.07

Animales y gallegos por esta puerta


Andas as augas dos dicionarios revoltas porque topan os prexuízos coa corrección política. Vaia por diante que estamos, polo menos sentimentalmente, cos representantes do pobo que antepoñen a dignidade ó resto dos asuntos públicos. Ou mellor, que se ocupan dos asuntos públicos coa dignidade por diante.
Vén isto a conto dunhas noticias publicadas estes días na prensa sobre algunha acepción da voz "gallego". A primeira que mencionamos aparece en La Voz de Galicia: El Congreso pide que la Academia no defina «gallego» como «tonto»; a mesma noticia aparece no Galicia Hoxe: O Congreso recomenda que a RAE retire a definición de galego como parvo e tatexo. Neste último xornal, publica un artigo Fran P. Lorenzo sobre a tortura que pode representar para calquera persoa tal consideración, mesmo non sendo tatexo paciente.
Tamén pola banda do sur cocen fabas: El «Diccionario Universal Portugués» registra «galego» como «ordinário, fraco". A palabra galegada que "puede equipararse con sustantivos como ignorancia o estupidez" creo recordar que a emprega algún personaxe d' Os Maias como sinónimo de "españolada", supoñendo que este non intensifique a aquel. (Hai para todos, como se pode ver).
Hoxe La Voz de Galicia volve publicar máis do mesmo: Los medios latinos estadounidenses se mofan del estereotipo del gallego. O artigo está cheo de "finas" mostras da agudeza dos galegos.

Hai uns anos informaba El País do desaloxo duns okupas; non lembro se foi en Madrid ou en Barcelona. Un deles xustificaba a súa acción coas razóns dun bo pai de familia: necesitaba unha vivenda digna; non quería quería que o día de mañá o seu fillo fose "uno de esos negros gallegos que andan por ahí".

Xosé Antonio Fidalgo (Os saberes tradicionais dos galegos, 2001:243) recolle un par de perlas polas que non nos imos encabuxar: a do letreiro dunha estación de tren que indicaba o lugar que debían ocupar "perros y segadores" (estes eran os galegos que ían apañar trigo a Castela) e mais o dito tan coñecido que reza: "Los gallegos vinieron al mundo para descanso de los animales".

A quen lle conveña oirémoslle dicir que iso foi noutrora. Hoxe gañamos en estima e consideración, e tal que sei eu...

Se cadra, dirán verdade. Sempre será mellor estar no mundo para divertir monas que para descansar animaliños.

Y luego te hay gente que se te incomoda toda por una comedia de monifrates.

Creo que teñen que cambiar máis cousas que as acepcións dos dicionarios. No que a min portén, prefiro que os dicionarios sexan obxectivos e fiables nos seus datos, por noxentos que me resulten.


¿E todo isto en que tema do programa entra? ¿En lingua e sociedade? ¿E vai caer na selectividade?

Ningún comentario: