12.6.08

Fina Casalderrey. A pomba e o degolado

Fina Casalderrey, A pomba e o degolado, Vigo, Xerais, 2007.

0. A pomba e o degolado é, esencialmente, unha historia de amor entre adolescentes. Ou mellor, unha descuberta do amor que vén ser a descuberta dunha nova forma de ver o mundo e a vida, de estar no mundo, que supón establecer novas relacións cos familiares, cos amigos e cos compañeiros. Atrás, coma un pesadelo, van quedando problemas que se crían insolubles: a morte do avó, a separación dos pais, o acoso escolar, o fracaso nos estudos, o abandono dos amigos... Por diante aínda quedan cabos que atar: unha nova relación co pai e coa nai, unha noiva...
1. A novela recolle uns poucos anos da vida de André; non moitos, pero son anos de cambios profundos. Cando o pai marcha da casa, o neno aínda non é quen de comprender a situación. Interprétao coma unha viaxe do pai e relaciona o seu cambio de aspecto cando vén de visita con algún traballo que estará a facer para os Reis Magos. Tampouco entende o comportamento errático da irmá nin o malhumor permanente da nai.
O rapaz anda á valga pola vida, agarrándose a táboas de salvación como a súa compañeira Halima, o seu amigo Curro, a súa avoa e, sobre todo, o seu avó vivo ou na lembranza. As mágoas vainas superando coa axuda das súas afeccións: o chat e os paxaros.
2. A autora vai engarzando o inicio dun capítulo co remate do anterior. Deste xeito, o lector, levado pola voz do protagonista, enfróntanse ós 22 capítulos da novela coma quen tira do fío da memoria ata rematar as contas.
3. Aqueles lectores máis afoutos que non vos contentedes cunha sinxela e gorentosa lectura ou aqueles que precisedes fontes para algún traballiño académico (sempre hai profesores con instinto de verdugo) podedes consultar estas ligazóns:
Readgalicia.com (a foto está collida desta páxina).
http://www.xerais.es/catalogos/proyecto_lectura/XG00128101_1.pdf (ficha de lectura)
Noticia da fundación Caixagalicia.
Blog O aletófilo do Morrazo.
Suplemento Faro da Cultura, 10-5-07.
Recensión sobre a autora.
Recensión da obra en Vieiros.
Programa TVG Libro aberto, 7 de maio de 2007.
Noticia en Galicia Hoxe.

Na páxina do Foro contra o acoso escolar atopamos datos alleos á novela, mais que axudan a situala no seu tempo (hoxe mesmo, coma quen di) e a entender mellor un dos seus temas principais.

Ningún comentario: