26.8.16

XX edición dos Premios Johán Carballeira de Poesía e Xornalismo

Imaxe: Johán Carballeira. Concello de Bueu
O Concello de Bueu convoca esta vixésima edición dos Premios Johán Carballeira de Poesía e Xornalismo en honra deste escritor fusilado na Caeira en 1937.
As bases da convocatoria poden verse na páxina web do concello (ligada enriba).
O prazo de entrega de traballos remata o 16 de xaneiro de 2017.

24.8.16

Natsume Soseki. Botchan

“Non sería mellor que os profesores de ética dos colexios e institutos deixasen de dicirlle ós seus alumnos que non se debe mentir e que hai que ser honrados? Aínda máis, deberían ensinar nas mesmas escolas, dunha vez por todas, a mentir mellor, a desconfiar dos demais e a tomarlle o pelo á xente” (pp. 73-4).

Imaxe: Sushi Books
Botchan significa “neno mimado”, “señorito”; explícanolo a tradutora en nota de rodapé. E este Botchan é quen nos conta a súa vida, en primeira persoa, á altura dos vinte e tres anos. Está deixando atrás a adolescencia e entrando na madurez. O que aínda non deixou atrás é esa “temeridade innata que me vén de familia e que non fixo máis que crearme problemas”. Esa actitude de rachapedras descerebrado fai que non o aturen na escola e que a propia familia o aborreza. O protagonista é un individuo dos que hoxe coñecemos como politicamente incorrecto; amosa unha visceralidade que lle causa problemas no traballo e nas relacións sociais. Aínda que teña razón, pérdeno as formas. Rebélase contra todo e contra todos, sen pensalo dúas veces. Mellor, reflexiona despois dos feitos e, mesmo non aceptando os seus actos, tampouco non sente remorsos. Mantén unha actitude que considera coherente: non se trata de negar ou disimular os feitos, senón de aceptar as consecuencias que carrexen.
A súa curta experiencia laboral como profesor nunha escola de provincias transcorre de xeito semellante ao anteriormente descrito. Os seus xefes viven unha dobre moral -extrapolable a calquera clase social- que Botchan considera noxenta. Decide abandonar o traballo e retornar á capital, non sen antes axudar o seu compañeiro de departamento nunha acción que ten máis de vinganza que de xustiza pola man.
O único amarre firme que ten neste mundo o protagonista é a vella Kiyo. Nin el mesmo se explica o amor e a confianza que lle profesa. Este personaxe, visto a través dos ollos do narrador, tórnasenos un perfecto modelo pedagóxico baseado neses dous principios. O protagonista correspóndelle con auténtica veneración e, indirectamente, vénnos dicir que foi a única que sacou algo bo del.
Aínda así, calquera lector pode ter as súas dúbidas ao respecto. No remate da narración, a vella Kiyo está enterrada e o noso antiheroe desempeña un traballo mediano, cun salario inferior ao de profesor novato, pero vive onde quere e a vella Kiyo parecía estar satisfeita cos logros do seu Botchan.

Natsume Soseki, Botchan. Sushi Books, Cangas do Morrazo, 2015. Tradución de Mona Imai.