22.3.17

XV Premio de Poesía Afundación

Imaxe e nova: Coruñahoy
"O Premio de Poesía Afundación que organizamos en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e co Centro PEN de Galicia xa leva celebradas quince edicións. Con este certame preténdese impulsar a creación literaria en lingua galega".
BASES DO XV PREMIO DE POESÍA AFUNDACIÓN

21.3.17

O Pergamiño Vindel

Imaxe da Galipedia
A prensa recolle cun certo alborozo a confirmación da presenza do Pergamiño Vindel na exposición Berce da nosa cultura, organizada pola Universidade de Vigo. O documento, dende a súa descuberta en 1914, deu unhas cantas voltas polo mundo, coma un emigrante máis, ata sentar cabeza en The Morgan Library & Museum de Nova York. Das reviravoltas que teña dado antes de que o descubrise Pedro Vindel sabemos aínda menos que do seu autor. Se houbo algunha posibilidade de que o documento quedase no país, podemos dala por definitivamente perdida. Moitas voltiñas tería de dar o mundo para que os actuais propietarios se desfixesen desta xoia. Así que, unha visita de turista non é pequeno acontecemento.
Do fundador da Morgan Library sábese moito. A John Pierpont Morgan dedícalle parte dun capítulo Philipp Blom no libro El coleccionista apasionado. Una historia íntima. Nesta obra reúne Blom unha morea de personaxes poderosos, ricos e coleccionistas compulsivos. A Pierpont non o trata con moita conmiseración. O primeiro que nos presenta é o seu nariz que, de vello, “había crecido hasta alcanzar proporciones grotescas”(p. 165). Cómpre sinalar que foi por enfermidade e non por vicio. Pierpont viviu con mala saúde. Tampouco foi afortunado en cuestións afectivas e, de mozo, padeceu unha ampla, viaxeira e ríxida educación. Resultoulle moi útil para preparalo como home de negocios e permitiulle descubrir, asemade, a riqueza artística da vella Europa. Ao contrario que a saúde, as finanzas case que non lle puideron ir mellor. O magnate tivo por competidores a persoeiros como William Randolph Hearts, John D. Rockefeller, Andrew Carnegie, Benjamin Altman… e uns poucos máis destas feituras, con diñeiro a esgalla e un apetito feroz para comprar todo canto de valor cultural estivese á venda en Europa.
O pergamiño que contén as cantigas de Martín Codax, que hoxe enriquece os fondos da Morgan Library, descubriuse o ano seguinte ao do falecemento do fundador. Como se ve, os sucesores, ademais da riqueza, tamén herdaron o olfacto para estes asuntos. Se cadra, o lerio da cultura só é mal negocio para os pobres de peto e sen espírito.
Benvido sexa o Pergamiño Vindel, que nada (de non ser a morte) nos impedirá gozalo o tempo que estea entre nós.
Parabéns para os organizadores da exposición.

Algunhas noticias sobre o pergamiño Vindel:

15.3.17

Un reto lector (Editorial Galaxia)

Imaxe: Reto Lector. Editorial Galaxia
"A Editorial Galaxia lanza o primeiro Reto Lector destinado a fomentar a lectura en galego entre os adolescentes e as adolescentes. Cun formato novidoso no que os rapaces se converten en vlogger".
Resto da noticia e bases na ligazón sinalada.
O prazo de envío de traballos remata o 31 de maio de 2017.

11.3.17

V Certame de Poesía Manuel María 2017

Imaxe: AELG
A Casa de Galicia en Gipuzkoa convoca este V Certame de Poesía Manuel María.

As BASES atópanse na páxina da AELG

O prazo de entrega de traballos remata o 30 de abril de 2017.

XXI Certame de Poesía Francisco Añón

Imaxe: Concello de Outes
Convoca este certame o Concello de Outes para honrar a memoria do poeta Francisco Añón Paz.

BASES do XXI Certame de Poesía Francisco Añón.

O prazo de entrega de traballos remata o 3 de abril de 2017.
Establécense7 categorías en función da idade dos participantes.

9.3.17

Certame de relatos Vigo Histórico (4ª ed.)

Imaxe: Editorial Elvira
A Editorial Elvira convoca a cuarta edición deste certame de relatos.
Lemos a noticia da convocatoria no Atlántico diario do 8 de marzo.
O prazo de entrega de traballos remata o 30 de xuño de 2017.
"Admitirase un único texto por autor ou autora, cunha extensión máxima de 4 páxinas por unha cara (ou o equivalente a 8.000 carácteres)".


BASES e outra información

BASES en pdf

6.3.17

Carlos Casares. O galo de Antioquía

Imaxe: Editorial Galaxia / Andrés Meixide
Antonio Madarro, O Calatrón, home de xenerosa humanidade, ferreiro de oficio, empezou a poñer ovos ao tempo que lle proían os rebentos de plumas nas costas. Estas cousas raras metéronlle o medo na alma e correu a pedir axuda ao seu cura párroco, don Marcelo López, quen, por súa vez, estrañado e compadecido pediu axuda ao párroco dunha freguesía veciña, don Luís Romasanta, amigo seu dende os tempos do seminario. Este último denunciou o caso perante a Inquisición (non se cita directamente no conto) e o pobre do ferreiro rematou levado á fogueira “o 2 de xullo do ano 1645”. O auto celebrouse na Praza Maior de Xinzo. O ferreiro saíu da fogueira convertido en galo e marchou voando cara ao “campanario de Antioquía” (lendaria cidade asolagada na lagoa Antela) coa intención de chegar a tempo para “cantar o quiquiriquí das doce”.
Como nos di Hakan Casares Berg na introdución para á edición de 2003:
“O conto de O galo de Antioquía ten, ao meu parecer, elementos esenciais da prosa do meu pai e tamén da súa personalidade. En canto ó humor, compartía na súa vida e cando escribía o gusto polas situacións absurdas e surrealistas, os personaxes pintorescos, dos que por certo moitos eran de Xinzo, e tamén os curas. O outro tema deste conto é esa concepción da intolerancia como o gran mal das persoas, xerme do fanatismo, da violencia, da inxustiza e do sufrimento. O galo de Antioquía recolle estes dous elementos para contarnos unha historia fermosa”.
Ilustración de Andrés Meixide
Neste relato breve atopamos un trío de personaxes que, en versións diferentes, resulta habitual na narrativa casariana: unha vítima, un inquisidor e un amigo que comparte máis ou menos directamente os padecementos daquela. Neste conto, respectivamente, o ferreiro, don Luís e don Marcelino. Os dous últimos, sacerdotes. Física e moralmente contrapostos, a parella de curas amosa as simpatías e antipatías do autor. Don Marcelo lémbranos o protagonista de Ilustrísima: hedonista, amigo do bo comer, xeneroso e compadecido. A don Luís debúxanolo fisicamente feble, bo coñecedor dos libros pero escaso de calor humana: no desenlace do conto actúa como un frío inquisidor que considera o tormento e a execución como vontade divina; por contra, ao pedazo de home que é don Marcelino, na cinematográfica escena final, o ferreiro velle os ollos cheos de bágoas. Nesta escena, o autor fai pasar ante os ollos do protagonista toda a súa vida: os feitos relevantes, as amizades, as inimizades, o amor frustrado… Na cacharela do auto de fe, a omnisciente voz narradora salienta a paz interior do ferreiro.
Ilustración de Andrés Meixide
O conto presenta unha estrutura pechada. Inicio e remate constitúen unha mesma escena. A conversión final do ferreiro en galo e a súa fuxida para unha cidade imaxinaria fornecen o lector dun final esperanzador, non todo remata na fogueira do escurantismo e da intolerancia, aínda que esa circunstancia só sexa posible nun espazo lendario.
Podemos considerar un precedente deste conto “O alquimista Caaveiro” (Os escuros soños de Clío, 1979). Tamén aquí achamos un protagonista chamado Antonio, que puña ovos e que foi executado pola mesma época có ferreiro. Pero fóra destes e dalgún outro pequeno detalle, ambos os relatos son moi diferentes no ton, na estrutura e no argumento. Tampouco se atopa no relato do alquimista o humor e a ironía que rezuma o protagonizado polo ferreiro.
_____________________________
Unha boa axuda para entender a lenda que serve de base a este conto podémola atopar no artigo de Ladislao Castro Pérez e Manuel García Valdeiras, “El simbolismo del gallo en el Noroeste peninsular, de la protohistoria a la tradición Jacobea”, Minius VI, pp. 29-39. (Ligazón enriba).