28.2.17

Rolda pola república das letras-182. Febreiro de 2017

De ser outra a historia, de non existir nin a guerra nin o franquismo, de poder desenvolverse o proxecto das Irmandades, «a realidade do país sería outra moi distinta», afirma Fernández Pérez-Sanjulián. Pero, se non é posible desandar o tempo, si se poden extraer valiosas leccións do ideario e da experiencia do colectivo, ademais de que as súas reivindicacións, advirte a coordinadora do volume, seguen a ter en diversos ámbitos «unha vixencia grande» (Xesús Fraga, La Voz de Galicia, 01-02-2017).
[...] recompila 270 cartas escritas ou remitidas entre os anos 1942 e 1947 por Sebastián Martínez-Risco, xurista e expresidente da Real Academia Galega, con diversos galegos no exterior (Galicia Hoxe, 01-02-2017).
Antigos compañeiros e compañeiras súas do colectivo Avantar, asociacións culturais e concellos organizan o vindeiro 17 de febreiro un acto de homenaxe que leva por título 'O rastro que deixamos' (Sermos Galiza, 01-02-2017).
Enfermos pobres, médicos tristes, un traballo sobre a figura do médico rural, vén de darlle a Roberto Fernández Álvarez o XXI Premio Vicente Risco de CCSS (Sermos Galiza, 05-02-2017).
Esta publicación tiene el atractivo de enmascararse como una novela de aventuras, en la que se entremezclan los sentimientos de amor, pasión, pero también los de traición o sacrificio, al mismo tiempo que se retrata a los protagonistas con características galaicas clásicas como el ser morriñentos o indefinidos y todo sobre un escenario en el que apostó por una «verosimilitude novelada», lo único que sigue generando pesadillas a la escritora (Dolores Vázquez, La Voz de Galicia, 10-02-2017).
O premio de Literatura Fantástica Antón Risco salta o Miño e viaxa até Portugal. A autora lisboeta Fausta Cardoso Pereira é a gañadora desta segunda edición coa súa obra ‘Dormir com Lisboa’ (Sermos Galiza, 11-02-2017).
Fermín Bouza Álvarez naceu en Compostela en 1946 e alí viviu até 1969, ano no que colleu as maletas para liscar a Madrid. A súa participación no maio do 68 compostelán provocou que a policía fose a buscalo á casa (X. M. P., Sermos Galiza, 11-02-2017).
[...] anima a aloumiñar ao medio ambiente cunhas palabras sinxelas narradas en terceira persoa. Cóntanos a relación de Pedro coa árbore do patio da escola e como, pouco a pouco, a paixón polo seu coidado e polo seu crecemento e expansión vai entusiasmando ás crianzas, aos maiores, á comunidade científica, aos animais… (Raquel Senra, El Correo Gallego, 12-02-2017).
Este marco crítico sérvelle á tradutora/editora para achegar algúns datos biográficos relevantes da vida do autor e a súa influencia na creación poética, describir as principais características da súa pouco coñecida poesía infantil, as ilustracións que acompañaron as diferentes edicións do poemario desde 1896, o mundo da infancia que se recrea nos poemas e os temas recorrentes, así como as principais dificultades coas que se atopou para verquer estas composicións á lingua galega, tanto desde o punto de vista do contido dos poemas coma da retórica empregada (Blanca-Ana Roig Rechou, El Correo Gallego, 12-02-2017).
O volume é unha achega innovadora e singular que representa a realidade galega animal con pingas de humor e intres macabros. O amor, a crueza, o sangue e o grotesco danse a man neste pequeno poemario no que, baixo a aparente sinxeleza das súas páxinas, se agochan profundas reflexións sobre o sentido da vida e o comportamento do ser humano no mundo (Raquel Senra, El Correo Gallego, 12-02-2017).
Os personaxes históricos son como o renglón sobre o que escribir, pero iso non quere dicir que me quede na súa peripecia histórica. Son unha disculpa para falar de cousas que me interesan: as relacións pais-fillos, a sombra do incesto, as dificultades para ser persoa autónoma das mozas e das mulleres ao longo da historia, o papel do oficio na construción personal, o peso da familia... Temas universais (entrevista de Ana G. Liste, Faro de Vigo, 15-02-2017).
Trala reforma de 1999 a Lei do rexistro civil permite mudar a forma dos apelidos para regularizalos ortograficamente cando a forma inscrita non se adecúe á gramática e á fonética da lingua correspondente. Con esta obra a RAG quere achegarlles aos rexistros civís "un elenco de formas estandarizadas que permitan aos cidadáns e cidadás exercer o seu dereito ao uso da forma correcta do seu apelido, un dereito que non figura explicitamente nas leis, mais que se infire da Lei de normalización lingüística" (Praza Pública, 15-02-2017).
Ambientada en Lalín no outono do 1946, a novela arranca cando un honesto avogado debe convencer aos descendentes dunha familia fidalga republicana para que vendan o seu pazo a un alto cargo do réxime franquista, encaprichado coa propiedade (El Correo Gallego, 16-02-2017).
«A cabeza do dragón é a primeira montaxe pública e profesional de Valle-Inclán en galego. É unha festa para a nosa cultura e a fin dunha anomalía. A imposibilidade partía dunha decisión privada e agora xa non teñen nada que dicir». As verbas son de Quico Cadaval, director da primeira peza do creador do esperpento que se representará en galego despois de que expirasen os dereitos de autor ao cumprirse 80 anos da súa morte (M. García, La Voz de Galicia, 17-02-2017).
Quéreselle facer unha reivindicación e unha homenaxe á nosa cultura, á popular por suposto, pero tamén á tradición cultural culta. Por outra banda, está a reivindicación da lingua coa chiscadela esa de poñer trazos dialectais nalgún caso que formaron parte dunha cultura milenaria potente (entrevista de Noelia Gómez, Sermos Galiza, 16-02-2017).
Chévere deu en estrear nesta terceira edición do Festival Escenas de Cambio o proxecto Cheverografías, un roteiro guiado para percorrer a xeografía teatral e vital da formación en Compostela (Alberto Ramos, Praza Pública, 17-02-2017).
O libro, dirixido a rapaces a partir de 11 anos, narra a fermosa relación entre un neno e o seu avó, cun canto á sinxeleza e á felicidade (Alberto Nova, El Correo Gallego, 19-02-2017).
A ferida do vento é, en certa maneira, unha continuación de Casas baratas. En Casas baratas chegara á adolescencia, e esta novela, que transcorre, en realidade, nunha semana, pode lerse como unha continuación. A ferida do vento está perto da concepción literaria de Carlos Casares, en concreto da súa segunda etapa, máis realista. A miña pretensión era, como dixen, homenaxear Vento ferido e, en xeral, a obra narrativa de Carlos e as súas teimas como escritor: facer historias accesibles, cun estilo directo, suxestivo, cunha sintaxe fluída, para chegar a un público amplo que inclúa a xente que non está afeita a ler (entrevista de Montse Dopico, Praza Pública, 19-02-2017).
Para Riestra, este libro é moi especial por moitas razóns, unha delas «o desafío de escribir en galego que foi moi excitante». Tamén asegurou: «Non hai fronteiras entre os xéneros, están aí para diversión dos autores e dos lectores» (Rodri García, La Voz de Galicia, 22-02-2017).

21.2.17

Carlos Casares. Un polbo xigante


Imaxe: culturagalega.org
Despois dunha morea de anos vivindo fóra, o narrador regresa á vella casa dos pais. O regreso aviva o remol da memoria e lembra unha historia da que fora testemuña cando aínda era neno: a desaparición do criado Nicolás, arrastrado por un polbo que non era outro que a reencarnación do xastre de Agüeiros. O xastre, amigo de esmorgas, levouno de compañeiro de brincadeiras por eses mares do mundo.
Andando os anos, a razón caeu do lado dos escépticos: Nicolás marchara por vontade propia para Bos Aires e tornou ao país cando lle petou ou boamente puido.
O conto convértese nunha reflexión sobre a literatura. O desenvolvemento da historia é un debate entre o narrador e Delfina, un debate entre a obxectividade e a imaxinación. O primeiro trata de ofrecer os feitos tal como foron (ou iso considera) e a segundo tenta iluminar coa súa razón o que se move no mundo insondable do misterio. Para converter as súas afirmacións en verdades incuestionables, Delfina emprega os recursos argumentativos clásicos: apóiase en casos coñecidos, cita a autoridade dos veciños que foron testemuñas, bota man de explicacións plausibles a falta doutras mellores, contraargumenta para neutralizar as reticencias do rapaz e, por se todo iso non abondase, remacha os razoamentos con algún contundente apóstrofe do seu amplo repertorio (burricán, herexe, salvaxe, primo de Satanás, animal, ánima en pena, porco de Cristo, carneiro, cabra, purpurito, burra vella, insensato, pecador).
Malia o testáns que resultan ser os datos obxectivos, o mundo da imaxinación non sempre se dá vencido. Debate á parte, o discurso de Delfina tamén tenta dar consolo á muller de Nicolás, cargada con cinco fillos, agora “viúva” de vivo (en máis dunha das acepcións do adxectivo) e, pasados os anos, tórnase consello útil para o narrador para que tome as precaucións precisas ante situacións potencialmente perigosas.
Entre os feitos narrados e o momento da narración pasaron polo menos vinte anos. Por iso o lector ten a sensación de estar escoitando unha voz narradora infantil. Ademais do paso do tempo, que fai deste conto un exercicio de memoria, achamos outros elementos habituais na narrativa de Casares. O primeiro deles, esa ventá de vidros transparentes que permite enxergar o mundo tal como é. En segundo lugar, os espazos --interior e exterior-- coñecidos, mesmo familiares, onde se moven personaxes aquecidos por relacións afectivas.
Na encrucillada do realismo e o misterio xa se ten atopado o autor sendo neno, como nolo conta n’Un país de palabras. E se ben opta dende ben cedo por un modelo literario realista, o remate d’Un polbo xigante semella levarnos á conclusión de que a vida non sempre se goberna polas frías luces da razón.

Sobre este conto fálase en:

  • Un polbo xigante. Ficha do conto e ligazóns extras na páxina do Consello da Cultura.


Carlos Casares, Un polbo xigante. Vigo, Galaxia, 2000. Ilustracións de Luis Castro Enjamio.

18.2.17

O Garaxe Hermético. Verne imaxinado

Verne imaxinado é unha obra colectiva realizada polo alumnado do Garaxe Hermético (Escola
Profesional de Banda Deseñada e Ilustración). Reúne un mollo de sete pequenas historias que reinterpretan o universo verniano.
Explican na introdución o sistema de traballo: “Equipos formados por alumnos e alumnas repartímonos o traballo ao longo de todo o proceso creativo”.
A través das sete historias, o lector recoñece o Verne máis universal e mergúllase nas que foron ou puideron ser as súas fontes de traballo e inspiración. Esas minihistorias son:

  1. “O cego”:  Verne está a sufrir unha crise de creación cando sabe do falecemento de Amandine Aurore Dupin (George Sand). Lembra como foi o seu encontro con ela e como lle serviu de inspiración a autora e a novela Laura, viaxe a través do cristal. Nesa obra inspírase a novela verniana Mistress Branican (única de protagonismo feminino).  Como di o protagonista desta pequena historia: “Ao cego de nada lle vale o espello”, pero nel latexa outro tipo de vida que paga a pena. “O cego” tamén é unha homenaxe aos cambios sociais logrados grazas á loita feminista
  2. “O vello”: Un vello capitán retirado cóntalle a Verne a historia que provocou o seu odio irredutible contra os ingleses. Despois de despedirse para continuar a viaxe, o escritor anota o nome: Nemo.
  3. “A illa”: Unha illa que navega como un globo; un enxeñeiro que traballa para gobernos que paguen as armas de destrución masiva que deseña e constrúe… Ao capitán que recollen parécelle que lle fan  perder á arte da guerra o que podía ter de heroico, pero acabará por comprobar que  “é tráxico descubrir que non podemos confiar na palabra dos poderosos”. Esta minihistoria é unha homenaxe á novela A illa misteriosa.
  4. “A aposta”: Lémbranos A volta ao mundo en 80 días. Unha aposta perdida e unha vida salvada dálle a Verne o título da novela.
  5. “A mesa”: Uns ladróns entran na casa do escritor, que xa non está en activo; descobren a mesa do sabio Salomón, que segue amosando mundos novos e misteriosos que poñen en fuga os ladroeiros pero encabuxan a un vello Verne que xa non os vai novelar.
  6. “Os peixes”: Un barco de pesca marcha para o mare de Terranova. Os mariñeiros manifestan desconfianza porque un deles meteu a bordo un animal con pelos. Pero os malos agoiros non se cumpren: cargan o barco a tope e, ademais, os peixes traen no ventre cupóns de lotería. Regresan á casa contentos coa súa boa sorte.
  7. “O buzo” (sic): historieta protagonizada polo propio Nemo, preso no afundido Nautilus vixiado por unha lura xigante; fala en pasado e non ve o seu rostro no espello.
No seu conxunto, os relatos son de agradable lectura e contemplación. Só resultan un pouco magoantes algunhas grallas lingüísticas, doadas de arranxar e que non restan ningún valor a estes estupendos traballos. As historias recrean e interpretan o universo verniano e a súa simboloxía e, asemade, desenvolven unha temática propia que vai na liña da reivindicación da igualdade entre as xentes e os pobos, da vida digna e en paz, da valoración da ciencia e mais da imaxinación.

O Garaxe Hermético, Verne imaxinado. Deputación de Pontevedra, 2016.

12.2.17

Iria Collazo López. Coma unha áncora

Imaxe: Coma unha áncora. Editorial Galaxia
A historia de amor de Manuel e María sobrevive á morte del nun naufraxio. O mesmo que o amor de siña Amalia polo seu Minio. O relato non nos conta só o naufraxio do barco. A parroquia enteira vive asolagada nun naufraxio social:
“Moitos non volveron, coma os nosos, María. Polo menos aos nosos levóunolos o mar. Aos outros levounos a mesquindade que levamos todos dentro” (p. 105).
Iria Collazo descríbenos unha parroquia traballadora, pacífica e pacificada, pero que non pode vivir en paz. Hai unha débeda que saldar coa xente das covas: “O que non foi lenda foi a desgraza dos que tiveron que agocharse nas furnas, nas covas e nos montes, fuxindo dos que xa sabemos” (p. 105). Esa débeda sáldase simbolicamente na novela co cruzamento de favores entre siña Amalia e María: a cega e a moza buscan obsesivamente os corpos dos seus maridos empurradas non só por un profundo sentimento amoroso, senón tamén por unha estraña forza telúrica.
A fame é un padecemento común ao que os personaxes xa case nin lle prestan atención, pero a voz narradora lémbralla ao lector de forma directa ou mesturada coa mención de feitos cotiáns: “Ás veces mareábase e anubrábaselle a vista. A perda do meniño, a tristura, a falta de alimento pasábanlle factura” (p. 121); “Non me dera conta ata ese momento do escuálidos que estaban [os fillos de Minio e Amalia] (p. 121). O mesmo recurso estilístico emprégao a autora para amosarnos a pobreza endémica cando deixa caer algún detalle sobre o estado da vivenda, o frío que malamente se combate con roupa ou o estado desa mesma roupa. E sobre a miseria material campa a miseria moral que apodrece toda a sociedade da época do naufraxio que se relata na novela.


Falan da obra


ACTIVIDADES PROPOSTAS
  1. Coma unha áncora, de Iria Collazo. Cuestionario

  2. Coma unha áncora (de Iria Collazo). Miniquest

  3. Coma unha áncora (de Iria Collazo). Test de léxico-2

  4. Coma unha áncora (de Iria Collazo). Test de léxico-1



Iria Collazo López, Coma unha áncora. Vigo, Galaxia, 2015.

10.2.17

Arancha Nogueira. Andar descalza

O poemario estrutúrase en dúas partes --"Descalza para ti" / "Descalza para min"-- que, como sinala María Lado na introdución, son dous puntos de vista diferentes pero complementarios. Complementarios e ligados pola mesma voz poética que pensa no "ti" e no "min", destinados a camiñaren "en sentidos opostos", como manifesta no poema que precede a ambas as partes.
Un ton amargo percorre todo o poemario. Os sentimentos que manifesta a voz poética vense como constrinxidos a ser gobernados por forzas alleas. Andar descalza é unha potente imaxe que transmite unha voz poética espida. Nos poemas que reproducimos --correspondentes á primeira e segunda parte, respectivamente-- tamén se pode albiscar o antedito. Patentizan a frustración do eu poético ao verse contemplado dun xeito interesado como un valor mobiliario e ao ver coutada a liberdade pexada polas súas propias orixes.

______________________________________
Arancha Nogueira, Andar descalza. Concello de Outes, 2013. XVII Premio Francisco Añón de Poesía.

4.2.17

III Concurso Xuvenil de Microrrelatos

Cartel: Amnistía Internacional

"Amnistía Internacional convoca o III Concurso de Microrrelatos Xuvenil para maiores de 14 anos matriculados en calqueira Instituto de Ensinanza Secundaria da provincia de Pontevedra".
As bases e o resto da información áchanse na páxina ligada enriba.