31.12.16

Noticias de literatura-180. Decembro de 2016

Este libro é bastante intimista; o deseño da portada xa o da a entender. Hoxe en día teño unha visión máis existencialista do sentido do mundo, e o enfoque xeral vai cara a procura dese sentido. Ante os vertixinosos tempos actuais, busco un acougo, aquilo de deter o tempo que dicía Shakespeare (La Voz de Galicia, 01-12-2016).
O fondo documental de Blanco Amor está na súa biblioteca, depositada na Deputación de Ourense, aínda que se está a traballar para conseguir as cartas remitidas polo propio escritor ás persoas coas que mantiña correspondencia (La Voz de Galicia, 02-12-2016).
Trátase dunha serie que leva catro números editados e está a revolucionar o libro infantil. Marcopola naceu no ano 2014 co primeiro volume titulado As Orixes de Marcopola e foi acollido con moito éxito entre as cativas de seis anos en diante (Romina Bal, Praza Pública, 02-12-2016).
[...] olla, na súa novela ‘Aqueles días en que eramos malas’, (Galaxia), ás miserias dunha sociedade hipócrita que barre a inxustiza da desigualdade e da pobreza debaixo da alfombra da prisión (entrevista de Montse Dopico, Praza Pública, 02-12-2016).
A Revista Galega de Teatro (RGT) vén de abrir unha nova etapa. Tras máis de tres décadas de traxectoria, a histórica cabeceira mudou o seu deseño, o seu equipo e mesmo o seu nome, converténdose dende o seu último número na revista erregueté (entrevista de Alberte Ramos, Praza Pública, 04-12-2016).
A obra desenvólvese nun único acto e dúas escenas, que decorren na consulta da psicóloga Ledicia quen, coa colaboración da súa axudante Carolina, atende con afán e agarimo os conflitos persoais que lle confian media ducia de estrafalarios e divertidos personaxes nunha sesión de risoterapia (Isabel Mociño, El Correo Gallego, 04-12-2016).
A meiga deste relato non se caracteriza por facer o mal. Todo o contrario: ao seu consultorio acoden unha serie de personaxes humanos e animados, como animais, árbores, plantas e obxectos, que precisan axuda e para os que ela sempre ten unha solución beneficiosa, coa axuda de apócemas e beberaxes, dun moucho sabio e dunha cortina lingoreteira (Carmen Freira, El Correo Gallego, 04-12-2016).
Os indios Kowa non existen máis que na miña imaxinación, que ás veces baixo a aparencia de verosemellanza, inventa feitos e personaxes, e neste caso tribos, que nunca existiron nin existirán. Dende que os camiños da vida me afastaran do meu ideal xuvenil de explorador, lin moitas novelas de aventuras na selva, no océano Ártico, nas estepas rusas e nos mares da China ou das illas da Sonda. Fun creando así, unha cosmogonía propia e atemporal, que foi pousando durante anos sen número e aboiando aquí e alá en contos e novelas (entrevista de Montse Dopico, Praza Pública, 05-12-2016).
Un traballo compacto con grandes virtudes expresivas e que ofrece unha visión harmónica dos espazos e dos tempos. Cómpre destacar a imaxinería naútica e a habelencia na clausura dos textos. 'Vestir a noite' achega ao panorama da nosa lírica unha proposta dinámica e refrescante” (Sermos Galiza, 05-12-2016).

Norteáns é unha epopea á castrexa desenvolvida cos modos de pensar, sentir e actuar actuais (entrevista de Belén Bouzas, Sermos Galiza, 12-12-2016).
[...] quixen transmitir o desacougo distópico. Ese é o trasfondo das vidas de varias parellas nun escenario de conflicto exterior. O amor nun territorio de opresión, a conciencia do que acontece. E nun caso tamén interior, na relación dunha muller cun home tóxico nunha Compostela de posguerra. Todo nun futuro non moi lonxano (entrevista de Koro Martñ´´inez, El Correo Gallego, 15-12-2016).
Eli Ríos é a gañadora a primeira convocatoria do Premio de Narrativa Torrente Ballester que se convoca coa modalidade de lingua galega. Faino con 'Luns', unha novela. O xurado destacou que a novela está construída arredor dunha protagonista que é unha "personaxe feminina perfilada con solvencia que se bota un pulso a si propia ante unha situación vital dramática" (Sermos Galiza, 13-12-2016).
Un día, de xeito espontáneo, os cincocentos habitantes de Kernow comezan a recuperar a súa lingua. Mais o Estado británico non está disposto a toleralo. Son acusados de subversivos, tratados de terroristas e fortemente reprimidos (entrevista de Montse Dopico, Praza Pública, 07-12-2016).
Ramón Blanco Fernández ha recibido el XXIX Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón por su obra 'Se pedra na brétema'. El acto de entrega se ha celebrado en el instituto Lorenzo Baleirón, del municipio de Dodro (A Coruña) (El Correo Gallego, 18-12-2016).
Lo que se refleja en esta novela les sucede a muchas familias en este tiempo; muchos jóvenes -en el instituto, en la universidad- están viviendo una situación familiar y personal semejante, pendientes de sus becas de estudio, conscientes de las dificultades incluso para hacer las tres comidas del día (La Voz de Galicia, 19-12-2016).
Unha das moitas particularidades da obra é que foi escrita orixinalmente nun caderno contable que Manuel Antonio levaba con el. Vén de publicarse estes días unha edición facsimilar moi especial do poemario, que respecta mesmo ese formato orixinal de caderno de contas con tapa dura (Praza Pública, 20-12-2016).
Eiquí, desde Afonso O Sabio ata hoxe hai un liña que se mantén, e que se chama luminosidade, pero podería chamarse abrente, ou resol, ou lóstrego. A última en demostrar a permanencia desa caste de raio láser eterno é Marga Toxo. Lean iste Últimos bruídos (X. F., El Correo Gallego, 18-12-2016).
'No seu despregar' son 18 autores e autoras que naceron entre 1985 e 1997. No volume, publicado por Apiario, podemos atopar poetas xa recoñecidos e con obra publicada como Gonzalo Hermo, Rosalía F. Rial ou Ismael Ramos, entre outros, aínda que tamén novos valores curtidos en fanzines, blogs ou na propia revista Dorna. E un caído en combate, Fran Cortegoso, finado o pasado outubro (R. C. / N. G., Sermos Galiza, 22-12-2016).
Guerra da Cal, de quien esta semana se cumplieron 105 años de su nacimiento, es reconocido más como galleguista (por su relación con Castelao, el grupo de la editorial Galaxia, por su poesía gallega y la difusión internacional que hizo de la cultura y la literatura gallega (Joel Gómez, La Voz de Galicia, 24-12-2016).
[...] o primeiro espectáculo en estrearse será A cabeza do dragón, a cargo de Producións Excéntricas, dirixido por Quico Cadaval; e a segunda produción será a cargo do CDG, que sairá a escena con dúas pezas da triloxía Martes de Carnaval: A filla do capitán e As galas do defunto (R. Castro, Sermos Galiza, 25-12-2016).
  • Quico Cadaval dirixirá o primeiro Valle en galego”: “A historia conta, mais unha vez, a viaxe ao corazón do dragón que se narra en todas as culturas do mundo, e tamén na nosa, a cultura europea. Nesta fábula Valle-Inclán introduce elementos actuais, crítica social, brincadeiras políticas, anacronismos argumentais, comentarios alleos á tradición do conto marabilloso…” (Sermos Galiza, 29-12-2016).
Neste caso, subliñou que a novela de Dolores Redondo reflicte a esencia da Ribeira Sacra, un espazo no que "se sintetizan natureza, paisaxe, arte e traballo" na terra" (E. P. Galicia Confidencial, 27-12-2016).
A colección ‘Mulleres bravas da nosa historia’ xurde desde Urco Editora en colaboración coa libraría de mulleres Lila de Lilith porque considerabamos que a sociedade actual galega necesitaba unha colección deste tipo para as crianzas. Mais a verdade é que se trata dun proxecto no que está involucrada moita xente (entrevista de Belén Bouzas, Sermos Galiza, 28-12-2016).
O antropólogo e escritor vigués Rafael Quintía Pereira fíxose coa XVI edición do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio (Mario Álvarez, El Correo Gallego, 31-12-2016).
La primera parte de su vida fue la de tantas y tantas mujeres a las que le tocó un tiempo duro y sin oportunidades. Ya casi entrada la madurez, afloró su vena artística, sobre todo de escritora y escultora. En las largas noches de soledad aprovechaba para leer a autores gallegos de referencia (Rosalía, Bóveda, Castelao, Pondal...) y ella, que apenas tuvo escuela, se lanzaba con asertos, prosa, poemas, sobre todo lo que la rodeaba (S. G. Rial, La Voz de Galicia, 31-12-2016).

29.12.16

¿Bebiches?

Imaxe: La Voz de Galicia
A policía local de Rianxo está a levar adiante unha campaña para lembrarlle aos condutores nestes días de ledicia oficial que beber e conducir son actividades incompatibles. Os promotores da campaña xa se dan por satisfeitos se logran salvar unha vida. E non é pouco. Non está o país para perder vidas por excesos de bebida, de velocidade, de adrenalina, de drogas…
As mortes son lamentables. E que as autoridades competentes teñan que lembrar o uso do sentidiño común, tamén o é. Ás veces o consello semella provocar o desafío: lembremos aquel presidente de bigote severo e cara de zoca que se rebotaba contra o goberno que rebaixou drasticamente os niveis do alcoholímetro. ¿Quen era o goberno das Españas para dicirlle a el que, cando ou como tiña que beber? Non nos paramos a imaxinar que soltaría pola súa boquiña se llo chega a dicir un policía rianxeiro…
Sentidiño, pois o recurso ao “malo será”, aínda que nos identifique como indíxenas galegos, é un mal método para sentar detrás dun volante.
Parabéns pola campaña, sorte e grazas. Grazas especialmente ao “jefe del destacamento rianxeiro” que, segundo se desprende da lectura de La Voz de Galicia (29-12-2016), emprega un galego loable e respectuoso coa gramática.
Tampouco vou lamentar o galego accidentado do cartel, pero o sicario de Herodes que aniña en todo profesor lévame a facer un par de puntualizacións:
  1. A parella de pronomes te / che. Os indíxenas, quitados os das consabidas áreas dialectais, úsanos sen pensar. Os gramáticos represores recomendan botarlle unha ollada á función sintáctica: te funciona como complemento directo; che, como indirecto. Por exemplo, neste caso preguntámoslle ao verbo ¿que é o levado? Se a resposta es ti, a forma pronominal que corresponde é te: a policía levouTE para a casa [o levado es ti]; a policía levouCHE o coche para o depósito [o levado é o coche].
  2. A perífrase: ir + infinitivo. Vou comer; vou traballar; vou tocar o berimbao á punta do peirao; ¿quen te vai levar? (O espírito aforrador do galego garda a preposición a para outras ocasións).

Non hai que amuarse polos accidentes lingüísticos. Nin son morte de cristián nin carrexan sanción. O idioma padece por falta de uso,  non porque de cando en vez lle metamos un couce á gramática.
Pero, coma no caso da bebida, tampouco hai que abusar.

Vídeos relacionados: "Campañas de impacto para evitar los accidentes de tráfico", en La Voz de Galicia.

24.12.16

Premios Literarios Minerva 2017

Imaxe: Colexio Manuel Peleteiro
O Colexio Peleteiro convoca a 45ª edición deste xa clásico certame literario.
As BASES do certame Minerva para  2017 están na páxina do colexio antedito.
O prazo de presentación de traballos remata o 31 de xaneiro de 2017.
Ánimo e bo Nadal.

21.12.16

Coma unha áncora, de Iria Collazo. Cuestionario

Para club de lectura da novela Coma unha áncora, de Iria Collazo López.
Deixo este cuestionario coa intención de que poida servir de guía para un coloquio sobre a obra.

CUESTIONARIO
  1. Iria Collazo avisa nun dos paratextos iniciais que un tráxico naufraxio é o xerme da novela. Poñede en común o que saibades desa traxedia.
  2. Comentade o xogo que, dende o punto de vista literario, poden dar o nome real do barco e o nome que figura na novela.
  3. Ademais do naufraxio, ¿que outros feitos históricos están presentes na novela?
  4. Na obra aparecen dous mundos. Para entedérmonos imos chamarlles mundo real e mundo de ultratumba. ¿Que elementos serven de pasadizo entre ambos os dous mundos? ¿Está ben lograda a conexión entre eles?
  5. O sentido do título da novela explícao unha personaxe. Comentade este aspecto.
  6. Segundo a novela, ¿por que é importante ter un corpo para enterrar?
  7. Despois da lectura da novela, ¿poderiamos falar de náufragos de mar e náufragos de terra?
  8. ¿Que personaxe da novela pode ser o paradigma das vítimas dun xenocidio?
  9. Aínda que na novela non se fala da miseria con palabras directas, a autora válese de varios recursos para poñela ante os ollos de quen a lea. Citade e comentade algúns deses recursos.
  10. ¿Tócase na novela o tema da emigración?
  11. Comentade como era a situación escolar botando man dos datos que se nos dan na novela.
  12. ¿Podemos imaxinar a situación política do momento coa lectura desta novela?
  13. ¿Que imaxe da infancia e da adolescencia se desprende da lectura desta obra?
  14. Dende o punto de vista dunha lectura crítica literaria, ¿podería dicirse que lle falta ou lle sobra algo a esta novela?
  15. ¿Que uso se lles dá no relato aos elementos lendarios ou misteriosos?
  16. Observando os personaxes da novela, ¿como se podería cualificar a súa actitude vital? ¿Resignada? ¿Estoica? ¿Optimista? Admítense propostas.
Outras actividades propostas

  1. Coma unha áncora. Test de léxico-1
  2. Coma unha áncora. Test de léxico-2.
  3. Miniquest. Coma unha áncora (de Iria Collazo).

12.12.16

Coma unha áncora (de Iria Collazo). Miniquest

https://sites.google.com/site/comaunhaancora/home
Proposta para o club de lectura da novela Coma unha áncora, de Iria Collazo.
Trátase dun pequeno traballo de procura de información sobre o naufraxio que serve como xermolo da novela citada.
Velaquí a ligazón a Coma unha áncora.

Outras actividades propostas:
  1. Coma unha áncora. Test de léxico-1
  2. Coma unha áncora. Test de léxico-2.

8.12.16

V edición do concurso de microrrelatos do café De Catro a Catro

Imaxe: Café de Catro a Catro
No periódico dixital vigoalminuto.com atopamos a descrición do proceso deste  V concurso de microrrelatos que convoca o café De Catro a Catro.
Na noticia dáse conta de entidades colaboradoras, prazos de entrega, extensión dos traballos e proceso de selección.

7.12.16

Manuel Outeiriño. É


É, de Manuel Outeiriño, estrutúrase en tres partes:
  1. “Na nube”
  2. “O falante ilírico”
  3. “É”
O poema que reproducimos estende o seu título ao poemario enteiro.
A palabra é un dos motivos principais desta obra. Preséntase como elemento configurador da esencia do individuo. Sen palabra non hai persoa: “Non falas, non: / poucos e mal autentes, / morren os contos”. Este poema ocupa a penúltima posición na obra, que remata coa outra cara da moeda: a “contrapalabra”.
Os feitos cotiáns, anódinos ou non, métense no devir do individuo, no seu ser e no seu estar (“Na escasula do tempo”, p. 99). O individuo é un elo na cadea do tempo que xa vén dos devanceiros.
En "É" son moi visibles dous importantes elementos simbólicos: a curuxa e o río. A primeira, dende tempos inmemoriais, representa a sabedoría; mais entre nós tamén se toma como premonición da morte. O río, neste caso o feito de cruzalo, pode facernos pensar na superación dunha dificultade; pero tamén é unha referencia á purificación (o bautismo, por exemplo), malia que aquí se considere "ritual parvo".

Fálase do poemario en

Manuel Outeiriño, É. Vigo, Galaxia, 2005.