31.10.16

Noticias de literatura-178. Outubro de 2016

En el encuentro musical y literario, organizado por la Real Academia Galega y el Concello de Monforte, miembros de la RAG, jóvenes escolares y amigos compartieron la palabra para honrar al poeta al que este año se dedicó el Día de la Letras Gallegas. Un escritor gracias al que "hoxe hai máis lectores e lectoras de literatura galega", destacó Xesús Alonso Montero, presidente de la RAG (Ángel Arnáiz, el Correo Gallego, 02-10-2016).
Teijeiro fala nas súas obras de sereas poetas, nenas caladas, dun neno algo raro que dialoga co mar desde o seu barco de papel, da fauna e flora mariña, do mar como soño, do mar inquedo que xoga coa lúa, que se move bulideiro, do mar que ronca e molla con poemas, do mar ferido que chora por dentro e cala por fóra…(Rocío García Pedreira, El Correo Gallego, 02-10-2016).
[...] con “Música e poesía desde a primeira infancia”, queremos que o alumnado coñeza obras de poesía, coleccións en que se combine poesía e música, como traballar eses materiais nas aulas, cal é a importancia de achegar a música e a poesía á infancia… (M. Obelleiro, Sermos Galiza, 03-10-2016).
O escritor puido ver rematada a súa derradeira obra, Suicidas, editada por Chan da Pólvora. Precisamente, o mesmo día que falecía na súa casa de Bora (Pontevedra) o autor, o seu poemario chegaba ás librarías do país (Sermos Galiza, 05-10-2016).
O Philogelos, título traducido como O amante da risa, foi orixinado, segundo parece, nos arredores do século IV despois da Era Común. Aparece asinado por Hieracles e Philagrios, aínda que sabemos que se trataría de simples recompiladores dunha práctica oral, achegándose moito á inauguración dun xénero que, como dixemos, non gozou nunca dun gran recoñecemento literario, e porén probabelmente si tivo unha gran popularidade persistente no tempo. (Mario Regueira, Sermos Galiza, 08-10-2016)
[...] nova edición do libro de Claudio Rodríguez Fer, que repasa a "súa particular" historia do cine facendo unha fusión definitiva coa poesía. O profesor da USC e crítico de cine publicou unha primeira edición co mesmo nome, de mano de Xerais editora no ano 1983. Agora, Máis de trinta anos despois, sae á luz unha "edición gráfica e ampliada daquela publicación inicial" (El Correo Gallego, 11-10-2016).
[...] novo manual práctico de fraseoloxía galega (El Correo Gallego, 12-10-2016).
[...] é unha “novela de aventuras de estrutura áxil e dinámica, ambientada no século XVII que relata o desafío dunha muller afouta nun mundo de homes (Sermos Galiza, 13-10-2016).
César Candelas (que durante anos escribiu o blog +dylan) enumera un e mil motivos que explican que Bob Dylan fose recoñecido este xoves co Nobel de literatura (Praza Pública, 13-10-2016).
O seu discurso pode parecer, por veces, doutro tempo. Mais é deste. O que reivindica, outra vez, a autonomía do campo poético. O que denuncia a impostura que revelou, ás veces, o relato da posmodernidade (Praza Pública, 14-10-2016).
Polo que respecta á vertente creativa é autor dos seguintes poemarios: Torres de amor (1943), Catro poemas pra catro grabados (1944), Lonxe (1954), Homenaje a Picasso (1963). Todos estes títulos foron recollidos nun imprescindíbel volume póstumo, publicado en 1979 en Ediciós do Castro por Isaac Díaz Pardo, co título de Poesía, que inclúe ilustracións orixinais de Luís Seoane e un limiar de Rafael Dieste (Xoán Carlos Domínguez Alberte, Sermos Galiza, 16-10-2016).
[...] un Samaín cheo de pesadelos e pavor encerradas en viñetas. Este cómic autoeditado é unha recompilación de material publicado polo autor na revista estadounidense Bloke's Terrible Tomb Of Terror. Un traballo pioneiro na B.D. galega do xénero do terror (Alfredo Pardo, Praza Pública, 18-10-2016).
O poema central de Elexías a Lola[---] conta cun significado especial para a autora, pois está dedicado á súa avoa que agora vestiu con novos textos. Outórgalle deste xeito unha nova fasquía de libro independente dentro dunha obra literaria admirada (M. O., Sermos Galiza, 17-10-2016).
[...] vén de reunir nun volume editado por Xerais 39 pezas de teatro breve que escribiu entre 1973 e 2015. O libro é, tamén, dalgún xeito, un repaso pola súa traxectoria, desde os tempos de O Facho e das primeiras mostras de Ribadavia. Unha carreira sen concesións ao que el, e non só el, considera os vicios do teatro galego, como eivas que arrastra desde os seus inicios e que puxeron os cimentos do seu actual desmantelamento (Montse Dopico, Praza Pública, 21-10-2016).
Unha das cousas que máis me alucinan da sociedade na que vivimos é como se conseguiu que a violencia fose algo tabú. Acéptase, sen emitir ningún xuízo de valor, o monopolio da violencia por parte do Estado. E desde aí é fácil manipular a xente co tema da violencia (entrevista de Montse Dopico, Praza Pública, 28-10-2016).
Un monstro vén a verme, utiliza os pesadelos, os soños e a fantasía para trenzar unha historia chea de emoción e audacia que pon sobre a mesa a complexa relación nai-fillo e os elementos do amor, a perda, a dor, a esperanza, a amizade e o fascinador e salvífico poder dos que contan historias (H. J. P., La Voz de Galicia, 31-10-2016).

25.10.16

Julia Fernández Rodríguez. Pequenas historias para falar de emocións e sentimentos

Imaxe: Editorial Galaxia
Julia Fernández estrutura este manual en tres capítulos. O terceiro, moi breve, contén a despedida e a expresión do desexo de conseguir o éxito na tarefa da educación emocional. O primeiro ten carácter teórico e ofrécenos as propostas e método para a educación dos sentimentos. No segundo, de carácter práctico e literario, atopamos o diario que narra a experiencia hospitalaria dunha rapaza  sobre a que se van propondo actividades para traballar sentimentos concretos.
Este manual para educación da emotividade nace en grande medida da experiencia do traballo hospitalario da autora, que define a emoción como “a cor da nosa mirada” (p. 22). Julia Fernández fainos ver a necesidade de aprender a enfrontarnos ás emocións, así como a necesidade de aprender a crear emocións positivas porque son a base para gozar da vida.
Sostén que o proceso educativo das emocións comeza por un mesmo, porque as emocións tamén se herdan e, daquela, cómpre mellorar a herencia antes de lla ir pasando aos sucesores.
O seu método sinala os seguintes pasos:
  1. Poñerlle nome ás emocións (teño medo, estou triste, contento, anoxado…) coa maior precisión posible, porque é o primeiro paso para facer o diagnóstico do estado anímico de cadaquén.
  2. Analizar os efectos somáticos das emocións: tremer, arrubiar, suar…
  3. Estudar a conduta que provocan as emocións: fuxir, quedar varados, gritar…
  4. Analizar as consecuencias da conduta nos seus aspectos positivos e negativos.
  5. Buscar respostas ás condutas provocadas polas emocións.
  6. Adestrarse en técnicas de control, en especial das condutas inadecuadas e
  7. Analizar as causas das emocións.
O método apóiase na soleira do optimismo. Cómpre deixar de enzoufarse na lama da desgraza para potenciar todo aquilo que funciona e nos senta ben. Os optimistas non son parvos e a actitude optimista axuda na resolución dos problemas que vaian xurdindo e, insiste a autora, o optimismo tamén se aprende.
Para ir levando a termo esta aprendizaxe emocional, Julia Fernández vai debullando técnicas e consellos, exemplificados con casos prácticos que, aínda sendo cotiáns, sinxelos e de sentido común, case que sempre se esquecen na tarefa educadora: aprender a gozar das cousas boas da vida, aceptar normas e límites, saber afrontar a frustración, manter boas relacións sociais partindo do coñecemento de si mesmo, desenvolver a autoestima.
Lémbrasenos no libro un antigo adaxio que nestes tempos tan ensimesmados que vivimos cómpre ter moi presente: a educación é tarefa da tribo enteira.

Dictiografía

Julia Fernández Rodríguez, Pequenas historias para falar de emocións e sentimentos. Vigo, Galaxia, 2015.

23.10.16

V Premio de microrrelatos "Mulleres Progresistas"

Imaxe: mulleresprogresistas.org
As bases deste V Premio de microrrelatos Mulleres Progresistas poden consultarse na páxina da asociación.
Velaquí algunhas das condicións que se piden aos mircorrelatos:
  • Tema libre
  • "Os microrrelatos deberán levar título e ter un máximo de 100 palabras (excluído o devandito título)".
  • Prazo de entrega ata "ás 23:59 horas do 25 de novembro de 2016".
  • Dirixido a mulleres de 16 anos en diante.
  • "Os traballos presentaranse no formulario que consta na web da asociación (www.mulleresprogresistas.org), apuntando tamén o nome, apelidos, DNI, data de nacemento, enderezo postal, enderezo electrónico e teléfono de contacto". 
Máis detalles nas ligazóns sinaladas. 

14.10.16

Medios prudentes e eficaces para a extinción do idioma

Imaxe: El País
Collo esta cita de Isaías Lafuente, Y el verbo se hizo polvo, Barcelona, Espasa, 2014.

“En 1825, El Congreso Constituyente del Estado de Guatemala, ‘considerando que debe ser uno el idioma nacional, y que mientras sean tan diversos como escasos e imperfectos los que aún conservan los primeros indígenas, no son iguales ni comunes los medios de ilustrar a los pueblos, ni de perfeccionar la civilización en aquella apreciable porción del Estado, ha tenido a bien decretar y decreta: los párrocos, de acuerdo con las municipalidades de los pueblos procurarán por los medios más análogos, prudentes y eficaces, extinguir el idioma de los primeros indígenas’”.

Ao autor sóalle “muy fuerte” o de “procurar extinguir el idioma por medios prudentes”, e conclúe que “el eufemismo habitó siempre y en todo lugar entre nosotros” (pp. 194-5).
Non teño ningunha dúbida do amor de Isaías Lafuente pola súa lingua. Abondaría con ler este excelente e deleitoso libro do que falo para decatarse. Así que a cita non agocha ningunha atravesada intención. Sinxelamente recolle un  de tantos casos de oficialización dun proceso glotófago, que podería aplicarse tranquilamente ao noroeste ibérico ou a calquera outro punto do planeta onde se pretendese extinguir unha lingua.
Documento e idea son do dezanove, século no que se consideraba unha desgraza a variedade lingüística do mundo. O progreso arrombaría coas linguas peregrinas e deixaría unha única lingua: a do poder, obviamente.
O principio de autoridade sempre dá a razón a quen a ten (a autoridade). Pódenos expropiar, confiscar os bens, facer pagar impostos ou cambiar a lingua sen ter que dar xustificacións. E cando as dá, coma no caso da lingua, sería como para tomalas a risa se non resultasen tan tristes:
  • o idioma nacional só pode ser un
  • os idiomas dos indíxenas son escasos e imperfectos
  • inútiles para a ilustración e a civilización
Os sociolingüistas teñen recollido polo mundo adiante montes e moreas de razóns deste estilo; pero non deron recollido as demostracións nas que se basean.
Tamén resultan familiares os protagonistas do proceso glotófago: o cura e mais o alcalde, que nos recuados tempos decimonónicos controlaban ferramentas coma o púlpito, o pregón, a escola se a había...
O século XX proseguiría coa idea, corrixindo métodos e aumentando recursos. O século no que estamos agora cambiou o discurso, pero non a intención: quen avogue polas linguas minoradas é un abusón que conculca os dereitos lingüísticos dos pobres cidadáns que falan a lingua dun Estado. Non deixa de sorprender o actuais que resultan as ideas decimonónicas. Hoxe mesmo (14-10-2016) pódense ler en La Voz de Galicia afirmacións como a que recollemos:
“[...] y por eso, antes que nada y sobre todo, la defensa de las lenguas vernáculas allí donde existen se ha planteado por los nacionalistas como una acometida agresiva e intransigente para acabar con la lengua común a toda España”. E insiste: “Y es que tanto la defensa de los símbolos nacionalistas (banderas, fiestas, himnos) como las de las propias lenguas que aquellos consideran punta de lanza de su política divisiva y de discordia entre españoles no tienen otro objeto que afirmar lo propio frente a lo común, lo que nos separa frente a lo que nos une, lo que nos enfrenta y no lo que nos reconcilia”.
E os que, aínda sendo de aldea, non somos nin nacionalistas, nin periféricos, nin unidades centrais, nin andamos a teimar con sermos españois nin deixarmos de selo, nin levamos bandeira ningunha en camisolas ou calzóns, nin cantamos himnos con letra ou sen letra… ¿por que temos que deixar que acaben coa lingua que nos pon en comuñón cos pais, coa terra que nos viu nacer e cos veciños cos que vivimos acotío? ¿A santo de que non nos podemos permitir o luxo --por poñer un exemplo-- de que nos multen na lingua escasa e imperfecta de indíxenas primitivos?
¿Sabe alguén a quen se lle poden dirixir estas queixas? ¿Temos os indíxenas primitivos do século XXI follas de reclamación á disposición dos usuarios de idiomas non comúns? ¿E dende cando un falador vernáculo fai tremelicar os fundamentos do Estado? ¿Cando se convencerán os teimudos do idioma universal de que a lingua máis común para un indíxena periférico  é a que se mama? Supoñendo que antes non lle civilizaran a nai… Porque os predicadores contumaces do idioma único tenden a esquecer que a extinción dunha lingua sempre comeza con forza máis ou menos bruta. Exprésao moi poeticamente unha canción italiana: 

[...] quando saremo insieme a te
noi ti daremo un'altra legge e un altro Re.
La legge nostra è schiavitù d'amore [...]

E aos indíxenas primitivos non nos vai quedar outra que crelo, porque somos "una apreciable porción del Estado". Pois tamén a lingua vernácula, allí donde exista, debería ser obxecto do aprecio, prestado por medios prudentes e eficaces, aínda que non o diga a constitución. ¿Ou que?

7.10.16

J. Nicanor Alonso Álvarez. O kylix dos deuses

Imaxe: toxosoutos.com
O investigador Néstor Pinto lévanos de viaxe pola aínda viva Grecia clásica no cumprimento dunha estraña encomenda: atopar o lugar perfecto para deitar as cinsas dunha muller. No momento en que lle fan o encargo Néstor está a vivir unha situación delicada: nin ten traballo nin superou aínda a morte da súa dona. Así que acepta a encomenda, que considera fácil e ben paga, e toma a viaxe aos lugares visitados na lúa de mel coma se fose unha débeda que saldar coa defunta esposa.
Non tardará en descubrir que foi escolleito como chibo expiatorio nun complot organizado por un membro da seita dos pitagóricos, que aproveita a guerra interna polo poder para traficar clandestinamente coas obras de arte patrimonio da seita.
Nese mundo gobernado polos números e o poder na sombra, o investigador irase atopando con espías, traizóns, vinganzas e incógnitas que terá que ir resolvendo se quere salvar a pelella.
No remate da aventura, os protagonistas séntense persoas distintas a como eran cando comezaron, coa "íntima satisfacción do deber cumprido". E aos que quedaron polo camiño a xustiza poética colócaos no lugar que merecen porque, malia os erros cometidos, actuaron en vida con intelixencia (o traidor Zenón) e grande xenerosidade (o artista Marco).
_______________________________________________________________
J. Nicanor Alonso Álvarez, O kylix dos deuses. Noia, Toxosoutos, 2016.

1.10.16

Noticias de literatura-177. Setembro de 2016

[...] gañador do XVIII Premio Johán Carballeira con Os fillos da fame. Poesía do cotián. Apegada á experiencia da vida nunha vila mariñeira. Co abraio ante un determinado xeito de convivir coa morte, ou coa distancia dos seres queridos, percorrendo o corpo. Con esa sorte de reflexión que, si, parte da emoción (Montse Dopico, Praza Pública, 03-09-2016).
Quedaba, non obstante, a tradución íntegra ao inglés de Follas Novas, firmada, ademais, por unha poeta, Erín Moure, que fixo tamén a «magnífica tradución» de Cantares Gallegos, enxalzou Angueira. Este asegurou que nos últimos tempos se deron «grandes avances na investigación» da obra rosaliana e que estes proceden do mundo anglófono, co que se precisaba urxentemente unha edición en inglés da obra capital de Rosalía de Castro (Uxía López, La Voz de Galicia, 06-09-2016).
[...] A idea é facer unha síntese accesible e amena para os que non son especialistas. Porque os historiadores, cando facemos cousas para o nosa tribo, somos dados a largar uns tochos intragables. E non é tan doado meter dende o Paleolítico inferior até as Mareas en apenas 250 páxinas (Héctor J. Porto, La Voz de Galicia, 12-09-2016).
Antes destes dous poemarios, coñeciámolo polas súas pezas de teatro. Mais as temáticas son as mesmas. Como erguer a fraternidade no medio da depredación (entrevista de Montse Dopico, Praza Pública, 11-09-2016).
[...] Tamén na poesía hai idiomas e temas non aceptados. Por que non vai estar nun poema unha costureira ou unha panadeira? Da mesma maneira, hai unha lingua pobre, ruín, tabú, que parece que tampouco pode estar no poema: o castrapo. Unha lingua de fronteira, mal falada, pero cunha forza que fai que o poema funcione. Porque é libre, dáche moitas posibilidades para escoller. E a poesía ten iso: permite falar mal, sempre que se consiga que o poema funcione (entrevista de Montse Dopico, Praza Pública, 16-09-2016).
Frente a la historia oficial, la investigada. Frente a la vida visible, o la convencional, la deseada. Tienes hasta las 10 es una novela de intriga, de periodismo, de la España franquista, de amor, de emociones, en la que un protagonista, Antonio, tiene que descubrir que nada es lo que parece (Pacho Rodríguez, La Voz de Galicia, 17-09-2016).
[...] salta deste xeito á palestra da literatura galega cunha novela ucrónica, ‘Nordeste’, que fabula a partir dunha Revolución Irmandiña que triunfou (entrevista de R. Castro, Sermos Galiza, 28-09-2016).
De la obra galardonada, el jurado ha destacado la forma en que se aborda la "interconexión" entre Galicia y Brasil, presentando en el caso de la primera "una república gallega imaginaria" (El Correo Gallego, 28-09-2016).
¿Que tería pasado si os irmandiños non foran derrotados e fixeran de Galicia unha república con colonias? Pois está contado na novela Nordeste coa que Daniel Asorey Vidal (Compostela, 1970) gañou onte a décima edición do premio de Narrativa Breve Repsol (La Voz de Galicia, 29-09-2016).
María Solar percorre agora o territorio dos amores difíciles. E, con todo, necesarios (El Correo Gallego, 25-09-2016).
Marta Dahlgren agradeceu o apoio que sempre atopou en Galicia para levar adiante o seu afán tradutor e reivindicou a importancia das linguas minoritarias para garantir a propia viabilidade das sociedades democráticas (El Correo Gallego, 30-09-2016).
  • Bea Costa, “Una sueca a la que le gusta decir ‘arre demo’”, La Voz de Galicia, 01-10-2016: Una de sus últimas traducciones, Kallocaína de Karin Boye, ha sido merecedora del Premio Plácido Castro de Tradución, que se le entregó ayer en un acto celebrado en Cambados, con el que la autora se mostró muy agradecida y feliz. Marta leyó Kallocaína siendo adolescente, en su Suecia natal, «e impresionoume». «É unha obra que debería ler moita xente para darse conta dos perigos inherentes a unha ditadura», apuntó durante su intervención.
Con estes dous volumes [Irmandades da Fala: oratoria e prosa non ficcional. Antoloxía e O teatro nas Irmandades da Fala], e outros dous que de narrativa e poesía que se están preparando, arrinca a nova colección Antoloxías da Academia e, ao mesmo tempo, recóllense por primeira vez os textos, de diversos xéneros, que xurdiron das Irmandades )La Voz de Galicia, 30-09-2010).