27.11.08

Do xuízo de Romasanta

"O avogado defensor [Manuel Rúa] non cre que o procesado sexa un farsante senón un enfermo. Ao seu xuízo carece de valor o testemuño dos veciños acerca do estado mental do acusado, porque uns rústicos labradores galegos non son as persoas máis aptas para apreciar unha monomanía. 'Eu que por desgraza, aínda que con honra -di- administrei xustiza entre campesiños galegos, sei o difícil que é ás veces darse a entender no seu dialecto, e o máis difícil aínda que é comprender o valor das explicacións no seu patois. Ditoso o xuíz que consegue que o labrego o entenda fiel e exactamente; máis ditoso aínda se logra comprender a súa mente'".
Teñamos en conta que ó bo do avogado caeulle ó lombo esta causa pobre e non o deixaron librarse dela. Nin tempo lle daban para estudar o sumario. Así e todo, fixo unha boa defensa. E as palabras textuais enriba transcritas cómpre entendelas como recurso para amolecer o corazón do xuíz. Lembremos que o caso saltara á prensa e era coñecido no estranxeiro. Na época foi todo un xuízo mediático.
Mais non só se xulgan os crimes de Romasanta. No subconsciente de todos os que se achegaron a aquela feira estaba fixada a ficha do país:
-Un país de rústicos.
-Que falan un "dialecto" ou patois no que resulta difícil expresarse e mesmo entender o que queren dicir os rústicos que o usan.
-Uns rústicos incapaces de entenderen o que lles ten que dicir o administrador da xustiza. (Que o xuíz os entenda ou non parece ser o de menos).
-Tamén se insinúa que tales rústicos non deben de ter a cabeciña á altura necesaria para entender o lerio da xustiza que lles administran.
Pobres. Aínda menos mal que na xustiza non hai prexuízos.


NOTAS SEN GASTOS
O libro que se cita é un estudo do caso Manuel (bautizado Manuela) Branco Romasanta, baseado no sumario do xuízo. Tamén é un excelente retrato da sociedade galega do momento, como reza na presentación.
Para os estudosos da nosa literatura ten interese especial o capítulo titulado "Reflexións desde a antropoloxía", como guía para entender a figura do lobishome que protagoniza relatos maxistrais nas nosas letras.

Citado de MARIÑO FERRO, Xosé Ramón, Manuel@ Branco Romasanta, o lobishome asasino, Vigo, Nigratrea, 2007. P. 127.

24.11.08

Noticias de literatura (48)

Esta quincena recollemos estas noticias relacionada coa literatura:

Comeza a semana cunha reflexión de Xavier P. Docampo sobre a literatura e a lingua
Os gañadores dos premios Xerais comezan unha campaña para facer máis visible a literatura.
Exposición de libros prohibidos en tempos de Franco, na fundación Penzol. Os artigos sobre a exposición recollen o furor da censura.
A obra plástica de Castelao pode verse na rede. Forman un conxunto de 1.611 debuxos.
Da carraxe e da paixón, último poemario de Xosé Manuel Cairo. Plácido Lizancos caracteriza esta obra como poesía emocional.
Xosé Luís Martínez Pereiro gaña o premio Repsol con A verdade como mal menor.
Mickey Mouse está de aniversario: 80 aniños. Case nada. Está feito un rapaz, e segue rexo coma un buxo. Por certo, non lembro se xa fala en galego (a algúns o club Xabarín pillounos, por desgraza, algo maduros; sorte que non nos pillou podres).

Imaxes de Galicia Hoxe e Faro de Vigo.

23.11.08

Lingua esgallada (44)

Velaquí algunhas expresións recollidas das exposicións orais. Contémplaas dende a óptica do rexistro estándar e propón a solución que creas máis idónea. E para pórlle o ramo á obra, comenta as razóns da rectificación

440 Corría o rumor polo pobo que...

441 Nada do que lle había pasado

442 Un personaxe do pobo que traballaba nos xulgados

443 Habían collido unha parte dos contrabandistas

444 Había tanta néboa que non miraban nada

445 Operación que había levado ó cabo a Garda Civil

446 Os cartos que lle había dado non os gastara

447 Os cartos que había apañado que os gardase pa el

448 Como quen di...

449 Persoaxe marxinada no pobo


CONDICIÓNS DO TRABALLO

BAC: Rectificación + explicación.

ESO: Rectificación.

Valoración: Actividade para mellora de nota, segundo previsto na programación.

Data entrega: 24 horas despois da publicación neste blog. Non se contan festivos.

Imaxe de fotosdehumor.com

22.11.08

Un ilustrado francés

Lemos no diario Galicia Hoxe este artigo de Xavier Castro sobre a publicación dun documento de Charles-Louis de Fourcroy, militar francés que andaba polo país na altura de 1807. Non sabemos se o informe do ilustrado era atinado ou non. A estas alturas, tanto nos ten. Pero supomos que o que deixou escrito era o que lealmente pensaba. E o que pensaba dos galegos non é como para enmarcar. De Fourcroy venos como un país pobre, atrasado na agricultura, causa da emigración. Tamén nos considera un mercado potencial: é o único interesante que lle ve o francés ós galegos.

¿E a súa idea do idioma? Excelente e gorentosa para algúns políticos que coñecemos: "A súa lingua é unha mestura de castelán corrupto e de portugués". Os oídos de De Fourcroy non logran discernir da fala dos galegos máis alá dunha galdrumada de linguas. Tímpano duro, meu pobre.Tamén resulta interesante a orde dos ingredientes da caldufada lingüística brevemente descrita polo francés: se deixamos podrecer unha miga o castelán e lle damos un toque de portugués obtemos a lingua que falan os galegos. Poderían darse outras combinatorias, pero o ilustrado cociñou esta.


Cando dentro duns anos algún ilustrado, do país que for, deixe algún escrito sobre o famoso bilingüismo cordial non sería de estrañar que o considerase como unha especie de castelán con marcapasos. Porque o tempo pasa e o modelo de carro cambia, mais semella ás veces que seguimos entullados na mesma corredoira de sempre. Non digo isto por masoquismo nin para que o retiren do libro por ofensivo. Os libros deben procurar dicir a verdade, malia que non guste. Para que os que os len saiban a quen levan no seu carro a misa.

________________
Imaxe de Toxosoutos.

20.11.08

A pomba e o degolado, de Fina Casalderrey. CUESTIONARIO (nivel A)

Para o club de lectores d' A pomba e o degolado.

CUESTIONARIO (nivel A)

  1. O avó do protagonista dá unha definición plástica da nostalxia. ¿Cal é? ¿Como a podes explicar? [p. 20]
  2. ¿Cal é o marco xeográfico onde se desenvolve a novela? [p. 21]
  3. Os nomes e os pseudónimos dos protagonistas e a súa explicación.
  4. As ensinanzas do avó. [20, 22...]
  5. Os problemas de conduta como recurso de autodefensa.
  6. Os paxaros na novela: o valor real e o simbólico.
  7. A importancia das actitudes (p. 68).
  8. O desengano amoroso (cap. 14): a) os motivos; b) os actores; c) os resultados; d) a túa análise da cuestión.
  9. Un xeito de narrar chamado flash-back. ¿Como se usa na novela?
  10. Os pais e o exercicio da responsabilidade: a) a nai; b) o pai.
  11. A separación matrimonial e os seus efectos nas relacións pais-fillos.
  12. A enfermidade e a morte. Repara especialmente na figura do avó, na do pai de Curro e na da nai de Halima.
  13. Comenta o estilo americano do velorio do avó (cap. 19). Contrástao coa práctica habitual entre nós.
  14. ¿Recórrese na novela á anagnórise?
  15. ¿De que recurso se vale o protagonista para facer fronte ós matóns? Comenta o sentido e utilidade de tal recurso.
__________LECTURA: Fina Casalderrey, A pomba e o degolado, Vigo, Xerais, 2006.

Para máis adiante proporemos un par de actividades baseadas nesta lectura:
a) Miniquest para ir informándose sobre os efectos da cocaína.
b) Audición musical:
Ángel González / Pedro Guerra.

Imaxe de Jogos, dinâmicas e brincadeiras.

18.11.08

Pataca'n'roll

Os vacalouras... Notarios...

Estes nomes rockeiros levan unha carga fonosimbólica que é como para botarse a tremer. Pero non hai caso. Forman parte da esencia da profesión. Porque estes músicos de raza e corazón son xente de fiar; desa xente que se tropezas con ela ás tantas da noite aínda che bota unha man para cruzar o paso de peóns.

A música que practican chámanlle pataca'n'roll. Explícana como punk rock con gaitas. Para os que o único que entendemos de música é se nos gusta ou non, pouco nos importa o nome que lle poñan. O certo é que nos teñen amenizado máis dunha festa, e isto sempre se agradece.
Sorte, rapaces. Boa velada.

17.11.08

Noticias de literatura (47)

Literatura e novas tecnoloxías sobre o escenario: poemas interactivos.

O premio Alexandre Bóveda de investigación en ciencias sociais foi para Sara López e mais para Antonio Míguez.

A Nosa Terra preséntanos a ruta literaria de Pondal. Acompañan o artigo unhas poucas fotografías de Paco Vilabarros. O itinerario está promovido pola asociación cultural Monte Branco. Preténdese que sexa este tipo de actividade "Unha das maneiras máis fermosas de lembrar a aqueles que deixaron a súa pisada a través da súa pluma son as rutas ou itinerarios que percorreron eses escritores ou poetas ao longo da súa vida, nas vilas que lles viron dar os seus primeiros pasos e que logo tanto influirían nesa obra que os perpetuou".

No campo da poesía actural, temos unha nova contribución de Rafa Villar: Migracións.


Reigosa gaña o Torrente Ballester. O autor fala da etapa novelada en Galicia Hoxe e mais no Faro de Vigo. La Voz de Galicia incide no carácter autobiográfico da mirada do narrador, así como no desencanto que se vai apoderando do protagonista da novela. O artigo que asina Paola Obelleiro en El País incide nos mesmos aspectos e salienta tamén o elevado número de obras concorrentes ó certame.

Unha viaxe por reinos imaxinarios é a nova proposta de Xabier P. Docampo e Xosé Cobas.

Ramón Caride Ogando, traducido por unha editorial mexicana.

Tampouco desta vez podemos rematar sen nota necrolóxica. Déixanos un dos escritores máis singulares da Nova Narrativa: Camilo Gonsar. O xornal El País lémbrao nunha entrevista de hai un par de meses. Xabier Cordal explica a figura do narrador no Galicia Hoxe e Franco Grande fai unha gabanza do home excepcional que nos deixou.

Imaxes de Paco Vilabarros (A Nosa Terra), Pedro Castro (Galicia Hoxe) e La Voz de Galicia.

16.11.08

Fuxir (Jean-Philippe Toussaint)

Cóntasenos na Wikipedia que esta novela "constitue la suite de Faire l'amour", motivo polo que o lector que se achegue a ela anda ó principio algo desnortado ó non entender a "fuxida" do protagonista, que aparece en Shangai sen que o lector teña moi claras as razóns da viaxe. Viaxe un tanto atolada e rápida, chea de acontecementos non controlados polo protagonista, que nos leva a Shanghai para seguir nunha abafante viaxe ó corazón da China e rematar na illa de Elba para asistir ó enterro do pai da súa parella.
Na presentación editorial, saliéntase que esta novela "logra reflectir o movemento" e "que capta as emocións".

Esta obra figura entre as principais novelas do autor, que se caracteriza por "un style et un récit minimaliste, dans lesquels les personnages et les choses n'ont d'autres significations qu'eux-mêmes".

Terres de femmes advirte que tamén o lector se verá levado polo ritmo desenfreado que se apoderou do narrador. Así e todo, este lector aprecia que o ritmo narrativo é máis rápido na terceira parte do relato, onde remansa a acción atolada.
A editorial francesa presenta a obra como "unha novela rocambolesca de aventuras", na que fuxir "sobre todo a expresión dunha fractura permanente entre un e o mundo. O pensamento non deixa de vagabundear, a aprehensión da realidade parece sempre falseada e o interlocutor imperceptible ou perplexo".
Na análise de littexpress saliéntase o valor do teléfono móbil (dállo ó protagonista o chinés co que se ten que encontrar e non sabe ben se para telo comunicado con Marie ou para espialo) como símbolo de malos agoiros. Destaca tamén a viaxe omnipresente, a relación amorosa frustrada pola incomunicación, o carácter pasivo do narrador en toda a novela e insiste na fractura entre o pensamento difuso do protagonista e o mundo que o rodea. Isto último interprétase en litexpress como un trazo inherente á sociedade actual na que a evasión, sexa cal for, é indispensable.
No encontro de Maison Descartes, Jean-Claude Le Brun tamén repara neste aspecto da incomunicación: "Percórrese o mundo, e as palabras da vida interior ora non se deixan saír ora non veñen . Estase por tódalas partes localizable, óense unha multitude de falas, e o esencial parece non poder dicirse . ¿Se cadra, a mensaxe non será unha posibilidade aínda aceptable para unha reflexión deontolóxica, alí onde o espírito de seriedade é percibido como unha inconveniencia? É, en calquera caso, unha das posibles leccións deste libro extremadamente rematado, sedutor e profundo".
Jean-Philippe Toussaint, Fuxir, Vigo, Galaxia, 2007. Tradución de Carmen e María Dolores Torres París. A novela obtivo o premio Médicis 2005.

Imaxes: Editorial Galaxia.

8.11.08

LINGUA ESGALLADA-43

Velaquí algunhas expresións recollidas das exposicións orais. Contémplaas dende a óptica do rexistro estándar e indica asolución que creas máis idónea. E para pórlle o ramo á obra, comenta as razóns da rectificación.

430 Entón a meteu no soto aquel

431 Ve como a casa derrúmbase

432 Describe as sensacións que estes sinten

433 O bufón os escoita porque está agochado e os escoita

434 Que lle devolva un anel que lle había dado

435 Ao capitán lévano á cárcere

436 Vai a visitar a G. á cárcere

437 Soe axudar á xente

438 Pensaba que íballe dar traballo no taller

439 Ao primeiro momento, dudouno

CONDICIÓNS DO TRABALLO

BAC: Rectificación +explicación.

ESO: Rectificación.

Valoración: Actividade para mellora de nota, segundo previsto na programación.

Data entrega: 24 horas despois da publicación neste blog. Non se contan festivos.

Imaxe: fotosdehumor.com

5.11.08

Noticias de literatura (46)

Xavier Seoane pasa revista ó estado actual da poesía galega nunha conversa con Manuel Vidal Villaverde publicada no Galicia Hoxe. Considera Seoane que o momento actual da poesía galega é "puxante", pero advirte do perigo do canto do cisne; afirma mesmo que unha unha boa parte dos galegos asumen a súa extinción como algo natural.

O PEN Clube inicia as xornadas "De pedra e de palabra". Debate sobre etnicidade /nacionalidade. La Voz salienta o repaso ás literaturas emerxentes vistas dende Europa. Anxo Tarrío lóuvase de poder contar en Galicia cunha importante concentración da poesía que se está a facer no mundo. Nestes encontros destaca a figura de Gao Xingjian, premio Nobel de Literatura, exiliado que escribe en francés. e para quen o galego é "une langue vivante".

Premio Pura e Dora Vázquez de narrativa para Concha Blanco. Encontros ás agachadas é o título da obra galardoada. "Segundo a acta, o libro "defende a interculturalidade e pon de
manifesto valores como a amizade e os sentimentos máis positivos como a
tenrura e a confianza no ser humano", cóntanos Galicia Hoxe.
O premio Raíña Lupa de narrativa lévao Carlos López con A peripecia de Roi. O xurado destaca a imaxinación e o humor.

A teoloxía do país fala alemán. Pois xa non era sen tempo, como dixo algún ilustre escritor.

Internet dá conta da difusión exterior do poeta Uxío Novoneyra.

Shin Chan volve con novas aventuras. O DVD contén ademais xogos interactivos e outro material extra.

Anúnciase un novo "artefacto" literario de Xiana Arias.

A nota triste pona o falecemento de Anxo Rei Ballesteros (foto da Voz de Galicia), escritor de difícil clasificación.

(Imaxes de Galicia Hoxe e La Voz de Galicia.)