25.3.17

Julián Rodríguez Novo. Unha morte lanzal. A traxedia do bou Eva


O profesor Alonso Montero relátanos no prólogo os feitos históricos acaecidos na noite do 22 ao 23 de abril de 1937. Como novidade, dá o nome do tripulante que fai a denuncia, sacado da documentación do proceso. A traxedia pode resumirse en poucas palabras: na data sinalada, un grupo de nove persoas, de diversa ideoloxía, afectas á República, intentan pasar clandestinamente a territorio leal nun barco de pesca. Son denunciados e tentan apresalos, pero antes de caeren en mans dos fascistas optan polo suicidio.
Ás nove mortes desa noite hai que engadirlle a do mariñeiro que xulgaron por cómplice dos fuxitivos, fusilado en 1938. Logrou salvarse un mozo, que chegou tarde á cita.
A peza recolle no primeiro acto “o intre de ledicia, cara á liberdade, que sentían aquela noite”, por dicilo coas palabras de Rafael Dieste.
A estrutura da peza consta de prefacio, tres actos e epílogo.
No prefacio, o diálogo entre Camilo [Campos Méndez] e [Manuel Martínez] Maroño pon en antecedentes ao espectador/lector da preparación da fuga.  
No acto primeiro, Pombo conta unha vez máis a historia, co pesar de non ter estado onde tiña que estar para sentir a esperanza que sentiron os que si chegaron a tempo. Os fuxitivos, despois da reunión preparatoria, entran no barco. Un rapaz descóbreos. confían en que non os vai delatar e déixano ir. O barco arrinca motores e os agachados case se consideran libres: celébrano e bromean. A sirena dun gardacostas fainos calar. Pombo relata a abordaxe. Na Comandancia de Mariña, o xefe tenta botar unha partida de xadrez, pero a noticia de disturbios no porto estrágalle o divertimento. A súa preocupación é que haxa xente que sexa testemuña dos acontecementos.
No acto segundo os agachados resisten o ataque dos fascistas. Nin estes poden entrar nin aqueles saír. Pombo relata o intento de anegar a sala de máquinas cos refuxiados dentro. O sufrimento dos personaxes cóntannolo eles mesmos. O lector/espectador vive canda eles os momentos previos á toma de decisión de se iren. Na Comandancia de Mariña interrogan o denunciador. Identifican algún dos fuxitivos.
No acto terceiro, Pombo relata a aceleración dois acontecementos. A historia colle aquí caracteres épicos. Tratan de sacar os refuxiados con auga a ferver. A muller anima a resistir porque ten un motivo adicional: que os fascistas non saiban das dúas fillas para non lles dar o gusto da vinganza. Toman a determinación final. O posuidor da pistola terá o triste honor de ser o mestre de cerimonias.
No epílogo recóllese a alegación final de Pombo: “As patrias de verdade viven no corazón dos derrotados e berran cando os seus fillos dormen, inventando novos himnos que parafrasean xustizas perdidas”.
Os personaxes levan os seus propios nomes. Pombo, o supervivente, serve de ponte entre o onte e o hoxe; nárranos o que viu como involuntario espectador, convértese na voz da historia, a voz que explica o presente a partir das ilusións frustradas do pasado.
Hai un certo descompasamento entre os momentos do bou e os da Comandancia. Este recurso fai que o espectador/lector perciba aqueles como principais e estes como secundarios. O importante aquí non é a cronoloxía dos acontecementos, senón a valor psicolóxico que comportan.

Sobre a obra

Julián Rodríguez Novo, Unha morte lanzal. A traxedia do bou Eva.  Vigo, Discursiva, 2016.
Prólogo de Xesús Alonso Montero. Tamén se recolle no libro o artigo de Rafael Dieste publicado no número 5 da revista Nova Galiza, editada en Barcelona o 15 de xuño de 1937.

Personaxes: 13 (unha muller, un rapaz, once homes).

Ningún comentario: