18.2.17

O Garaxe Hermético. Verne imaxinado

Verne imaxinado é unha obra colectiva realizada polo alumnado do Garaxe Hermético (Escola
Profesional de Banda Deseñada e Ilustración). Reúne un mollo de sete pequenas historias que reinterpretan o universo verniano.
Explican na introdución o sistema de traballo: “Equipos formados por alumnos e alumnas repartímonos o traballo ao longo de todo o proceso creativo”.
A través das sete historias, o lector recoñece o Verne máis universal e mergúllase nas que foron ou puideron ser as súas fontes de traballo e inspiración. Esas minihistorias son:

  1. “O cego”:  Verne está a sufrir unha crise de creación cando sabe do falecemento de Amandine Aurore Dupin (George Sand). Lembra como foi o seu encontro con ela e como lle serviu de inspiración a autora e a novela Laura, viaxe a través do cristal. Nesa obra inspírase a novela verniana Mistress Branican (única de protagonismo feminino).  Como di o protagonista desta pequena historia: “Ao cego de nada lle vale o espello”, pero nel latexa outro tipo de vida que paga a pena. “O cego” tamén é unha homenaxe aos cambios sociais logrados grazas á loita feminista
  2. “O vello”: Un vello capitán retirado cóntalle a Verne a historia que provocou o seu odio irredutible contra os ingleses. Despois de despedirse para continuar a viaxe, o escritor anota o nome: Nemo.
  3. “A illa”: Unha illa que navega como un globo; un enxeñeiro que traballa para gobernos que paguen as armas de destrución masiva que deseña e constrúe… Ao capitán que recollen parécelle que lle fan  perder á arte da guerra o que podía ter de heroico, pero acabará por comprobar que  “é tráxico descubrir que non podemos confiar na palabra dos poderosos”. Esta minihistoria é unha homenaxe á novela A illa misteriosa.
  4. “A aposta”: Lémbranos A volta ao mundo en 80 días. Unha aposta perdida e unha vida salvada dálle a Verne o título da novela.
  5. “A mesa”: Uns ladróns entran na casa do escritor, que xa non está en activo; descobren a mesa do sabio Salomón, que segue amosando mundos novos e misteriosos que poñen en fuga os ladroeiros pero encabuxan a un vello Verne que xa non os vai novelar.
  6. “Os peixes”: Un barco de pesca marcha para o mare de Terranova. Os mariñeiros manifestan desconfianza porque un deles meteu a bordo un animal con pelos. Pero os malos agoiros non se cumpren: cargan o barco a tope e, ademais, os peixes traen no ventre cupóns de lotería. Regresan á casa contentos coa súa boa sorte.
  7. “O buzo” (sic): historieta protagonizada polo propio Nemo, preso no afundido Nautilus vixiado por unha lura xigante; fala en pasado e non ve o seu rostro no espello.
No seu conxunto, os relatos son de agradable lectura e contemplación. Só resultan un pouco magoantes algunhas grallas lingüísticas, doadas de arranxar e que non restan ningún valor a estes estupendos traballos. As historias recrean e interpretan o universo verniano e a súa simboloxía e, asemade, desenvolven unha temática propia que vai na liña da reivindicación da igualdade entre as xentes e os pobos, da vida digna e en paz, da valoración da ciencia e mais da imaxinación.

O Garaxe Hermético, Verne imaxinado. Deputación de Pontevedra, 2016.

Ningún comentario: