25.10.16

Julia Fernández Rodríguez. Pequenas historias para falar de emocións e sentimentos

Imaxe: Editorial Galaxia
Julia Fernández estrutura este manual en tres capítulos. O terceiro, moi breve, contén a despedida e a expresión do desexo de conseguir o éxito na tarefa da educación emocional. O primeiro ten carácter teórico e ofrécenos as propostas e método para a educación dos sentimentos. No segundo, de carácter práctico e literario, atopamos o diario que narra a experiencia hospitalaria dunha rapaza  sobre a que se van propondo actividades para traballar sentimentos concretos.
Este manual para educación da emotividade nace en grande medida da experiencia do traballo hospitalario da autora, que define a emoción como “a cor da nosa mirada” (p. 22). Julia Fernández fainos ver a necesidade de aprender a enfrontarnos ás emocións, así como a necesidade de aprender a crear emocións positivas porque son a base para gozar da vida.
Sostén que o proceso educativo das emocións comeza por un mesmo, porque as emocións tamén se herdan e, daquela, cómpre mellorar a herencia antes de lla ir pasando aos sucesores.
O seu método sinala os seguintes pasos:
  1. Poñerlle nome ás emocións (teño medo, estou triste, contento, anoxado…) coa maior precisión posible, porque é o primeiro paso para facer o diagnóstico do estado anímico de cadaquén.
  2. Analizar os efectos somáticos das emocións: tremer, arrubiar, suar…
  3. Estudar a conduta que provocan as emocións: fuxir, quedar varados, gritar…
  4. Analizar as consecuencias da conduta nos seus aspectos positivos e negativos.
  5. Buscar respostas ás condutas provocadas polas emocións.
  6. Adestrarse en técnicas de control, en especial das condutas inadecuadas e
  7. Analizar as causas das emocións.
O método apóiase na soleira do optimismo. Cómpre deixar de enzoufarse na lama da desgraza para potenciar todo aquilo que funciona e nos senta ben. Os optimistas non son parvos e a actitude optimista axuda na resolución dos problemas que vaian xurdindo e, insiste a autora, o optimismo tamén se aprende.
Para ir levando a termo esta aprendizaxe emocional, Julia Fernández vai debullando técnicas e consellos, exemplificados con casos prácticos que, aínda sendo cotiáns, sinxelos e de sentido común, case que sempre se esquecen na tarefa educadora: aprender a gozar das cousas boas da vida, aceptar normas e límites, saber afrontar a frustración, manter boas relacións sociais partindo do coñecemento de si mesmo, desenvolver a autoestima.
Lémbrasenos no libro un antigo adaxio que nestes tempos tan ensimesmados que vivimos cómpre ter moi presente: a educación é tarefa da tribo enteira.

Dictiografía

Julia Fernández Rodríguez, Pequenas historias para falar de emocións e sentimentos. Vigo, Galaxia, 2015.

Ningún comentario: