18.4.16

Carlos López. Raros e curiosos

Imaxe: Fervenzas Literarias
Neste libro de Carlos López atopamos unha manchea de personaxes Raros e curiosos -coma ese can verde da capa- dos que imos coñecendo vida e milagres ao longo dos 43 relatos que o compoñen.
Os relatos son todos moi curtos e cóntannos historias narradas dende a óptica do humor. As historias non sempre se centran nun único protagonista. As máis das veces xúntanse no mesmo relato varias anécdotas relacionadas por unha rareza común. Noutros casos, o autor usa o precedemento inverso: protagonista único que vai encadeando accións estrafalarias na procura dalgún descubrimento sorprendente que se nega a rematar noutra cousa que non sexa un absoluto fracaso.
Os personaxes adoitan ser individuos dominados por unha estraña heterodoxia que desafía o mais elemental sentido común, pero non son perigosos nin delincuentes. A mesma actitude a comportamento observámolo en personaxes animais ou mecánicos. Todos eles, por acción ou omisión, van configurando un mundo paralelo ao que consideramos normal, que se rexe por unhas leis que son a contrapartida do que habitualmente temos por lóxicas.
Entre as profesións atopadas en Raros e curiosos abondan as que lles é dada unha grande creatividade: científicos, literatos, músicos, artesáns, escultores, pintores… Seres que adoitan darlle á cabeciña unha volta de máis. Pero non por moito caletrar os resultados van ser mellores. O lector, á parte de rir co anecdotario que lle van ofrecendo os personaxes, non deixa de sentir tamén unha certa mágoa por eles ao ver que todo o tempo e esforzo dedicado ás súas arelas remata coroado por un estrepitoso fracaso. Aínda que algúns presentan outras versións da historia para facerlle ver ao lector que aquilo non é o que parece. Por exemplo, non foi o oleiro de “O clon de Adán”, encarraxado por non lle dar insuflado vida ao boneco de barro, quen destruíu o taller, senón o propio boneco que se viu feo ao cobrar vida e, coa rabia, escachifallou todo canto pillou por diante antes de desaparecer. Tamén na ficción “todo é asegún”, como dicía Risco.

Dictiografía

Carlos López, Raros e curiosos. A Coruña, Embora, 2014.

Ningún comentario: