17.11.11

Valentín Paz Andrade. Epistolario

O epistolario foi preparado coa dobre intención de conmemorar a décimo aniversario do pasamento do autor e como documento que ofreza ós lectores o coñecemento “do que significou e segue sigificando para Galiza Valentin Paz Andrade”. A obra estivo ó coidado de Charo Portela Yáñez e Isaac Díaz Pardo. Conta cunha ampla cronoloxía da vida do galeguista e cunha minuciosa achega á bibliografía de e sobre Valentín Paz Andrade.
As cartas publicadas neste volume abranguen un longo período histórico que vai de febreiro de 1930 a maio de 1985. Isto é, do advenimento da II República ós inicios da democracia. Son poucas as referencias ás experiencias da guerra civil; son máis as que se refiren, de forma velada ou clara, ás consecuencias que tivo para o país. O lector destas epístolas saca en claro que Paz Andrade é un home que sempre quixo mirar cara adiante, que lle preocupaba máis o futuro có pasado, e que este só lle preocupaba se representaba unha pexa para lograr un futuro digno.
Imaxe: Epistolario.

As cartas amosan as ilusións e as frustracións de cada momento histórico que foi vivindo canda o país. Comeza contando os traballos de organización política, falando da necesidade de crear unha forza que lle dese voz e voto a Galicia, un partido de xente varia e limpa que propuxese Galicia como tarefa, isto é, o obxectivo primordial que se fixou Paz Andrade para si mesmo ó longo da súa vida.
Pasado o trebón que segou ilusións, proxectos e vidas as cartas de Paz Andrade seguen comunicando proxectos de futuro como terapia para superar longa noite de pedra e como agasallo para os que morreron por eles ou viven lonxe da terra amada.

Son moitos e significados os persoeiros a quen escribe Valentín Paz Andrade: Castelao, Risco, Otero Pedrayo, Núñez Búa, Portela Valladares, Urbano Lugrís, Laxeiro, Maside, Colmeiro, Seoane, Dieste, Blanco-Amor, Cabanillas, Delgado Gurriarán... Cobren un amplo abano de actividades: literatura, pintura, política, economía, empresa... Os do mundo da literatura, pintura ou actividade editorial son moi coñecidos; outros sono menos na súa faceta pública, pero moi relevantes no aspecto empresarial e económico (FAO, industrias pesqueiras, avogacía...). Coñecidos ou non, todos teñen unha actividade que transcende o privado e todos fan ou poden facer algo que signifique unha achega na tarefa de facer Galicia:
“As esferas oficiaes, das que depende o choio en definitiva, parez que acollen a proposta con franca aprobación, o que significaría para a Terra un avance na “tarea” --palabra que xa vai aclimatando en Galicia como expresión dun facer futuro--( p. 135)”.
Malia non falar mal de ninguén, nas entreliñas das cartas de Paz Andrade poden albiscarse os paus nas rodas cos que foi tropezando no longo percorrido vital, atrancos dos que nada está a salvo: “Aínda non vin Pranto matricial impreso [...]. Xa vexo que na Arxentina hai un telón de aceiro prós libros, pois con Principios de Economía Pesquera ocurre algo semellante. Os exemprares pudriranse na Imprenta López e nin o autor poderá dispoñer duns cantos prós amigos” (p. 114).
Imaxe: Epistolario.

Ademais de non falar mal de ninguén tampouco se para moito nas queixas: “Aínda que algúns veñan teimando en dar unha imaxe falsa dun, pra consolo de parvos, eu ben sei... (p. 137).
Aínda que sacadas á luz pública neste Espistolario, estamos ante cartas privadas escritas para ollos amigos a quen se lle piden ou dan consellos e a quen se lle contan asuntos tamén privados: cousas da familia, enfermidades, accidentes, celebracións, defuncións, visitas... Pero por iso mesmo tamén nos permiten ver ata que punto tiña interiorizada unha idea de país, tarefa de todos, para o que propuña proxectos que o sacasen do atraso e que desen de comer a moitas familias. Algúns deles fixéronse realidade (non se sabe ata que punto segundo a idea do pensador). Outros goráronse: “Estou agora traballando para a fundación en Galicia dunha grande empresa que supón a inversión de nmoitos millóns de dólares de procedencia estranxeira...” (p. 135).
En definitiva, o lector do Epistolario verá a un Valentín Paz Andrade guiado pola idea de facer país en todos aqueles ámbitos nos que un país se necesita facer: política, leis, economía, literatura, pintura... E ningunha desas facetas lle é allea.


Valentín Paz Andrade, Epistolario. Ediciós do Castro, Sada, 1997.

 Etiquetas: , ,

Ningún comentario: