1.9.09

Paul Auster. A vida interior de Martin Frost

Guión precedido dunha entrevista Céline Curiol-Paul Auster, onde se nos conta a intrahistoria da película.
Despois de rematar a súa última novela, o escritor Martin Frost séntese esgotado e precisa descanso para coller novos folgos e pensar nun novo proxecto. Deixa Nova York e vai vivir á casa de campo que lle presta un matrimonio amigo que marcha un tempo ó estranxeiro. Martin cre ter a casa só para el ata que lle aparece na cama unha moza, tan sorprendida coma o escritor, que se presenta como sobriña do matrimonio. Acaban namorándose.

O escritor descobre que a rapaza non é a sobriña dos seus amigos, que tampouco saben quen é. O espectador acaba por recoñecer na moza misteriosa a musa do escritor. ¿Que acontece se autor e musa se namoran?
No caso que nos ocupa, a medida que o novo relato de Martin Frost avanza a musa (Claire) vai perdendo folgos. Cando o proxecto está acabado, Claire morre.
O escritor entende que é ese o tributo que debe pagar pola súa obra e decide destruíla para devolverlle a vida á musa.
Comeza así o que podemos considerar unha segunda parte da película, caracterizada polo desacougo de non saber o que pode sobrevir. Apodéraso do protagonista e mais do espectador un lixeiro desconcerto. A presenza de Claire fáiselle ó protagonista máis patente pero menos perceptible polos ollos. A porta, a venda e o espello gañan unha importancia que ó principio non tiñan.
Cando entran en escena o fontaneiro e mais a súa "sobriña" -en realidade, musa- vemos unha repetición da parella protagonista, pero en versión case que cómica. O fontaneiro (James Fortunato) é un desafortunado escritor insomne que maltrata varios xéneros narrativos. A súa "sobriña" acaba por pagar o pato: á pobre de Anna James fáltalle un fervor e o trato que recibe do fontaneiro non vai mellorar a súa situación. O fontaneiro ten a súa musa abandonada e devece por perdela de vista, o que a converte nun traballo esperanzador para Martin e Claire ó facérense cargo dela.
Aínda tratándose dunha historia triste de posible final feliz, no guión non falta o sentido do humor nin as situacións cómicas.

Sobre o relato:
  • Pilar Ponte fai unha recensión desta obra, situándoa no conxunto da obra de Auster.
  • Jaureguizar publica en Galicia Hoxe unha noticia sobre o autor: "Austeridade".
Sobre a película:
  • Ícaro: Fai unha crítica da película e comenta brevemente os distintos resultados que pode ter un argumento presentado sobre papel ou nun filme.
  • dvdpt.com ofrece a ficha técnica da película.
  • pipasblog reseña a película e salienta a acción interior, así como a mestura de realidade e fantasía que envolve esta historia de amor.
  • Ana Margarida de Carvalho: recensión e tráiler da película en Visâo Online.
  • Entrevista con Paul Auster en IOL Diário.
  • Marcos S. Pérez publica en Vieiros un artigo sobre a situación dos cines no país.

Paul Auster, A vida interior de Martin Frost. Vigo, Galaxia, 2007. Tradución Eva Almazán.

Ningún comentario: